Volven os Encontrinhos de Verdegaia: dende Ribeira até A Coruña pola costa e en bicicleta

02 Agosto 2024

Verdegaia retoma este verán os seus Encontrinhos, organizados pola dita asociación ambiental galega xunto con Mobi-Liza, e co obxectivo de “promover un xeito diferente de facer turismo, ecolóxico e respectuoso co entorno natural”. Os Encontrinhos son quedadas cicloturistas que este ano, ao longo dunha semana, percorrerán a costa galega dende Ribeira ata A Coruña.

Así nos explican as orixes destas actividades dende a organización: “Dende aqueles primixenios entre Ortigueira e Ribadeo do ano 2010, demos un chimpo na nosa xeografía cara ao río Miño (entre Ourense e Baiona) no ano 2014. No ano 2018, foi dende Pontevedra até Ribeira. Neste 2024 retomamos onde o deixaramos, coa intención de conectala á Coruña”.

O novo itinerario comeza este sábado 3 de agosto coa primeira das actividades organizadas ao redor da marcha en bici propiamente dita, unha visita ao Parque Natural de Corrubedo.

O día seguinte as 130 persoas inscritas terán a primeira das sete etapas que entre o 4 e o 10 de agosto levaraas dende Ribeira ata Coruña nun ambiente festivo no que a convivencia e a partilla de experiencias serán o eixe desta nova edición dos Encontrinhos.

Sábado 3 Recepción d@s primeir@s visitantes en Ribeira.

Domingo 4 Ribeira – Porto do Son (52 km)

Luns 5 Porto do Son – Muros (61 km)

Martes 6 Muros – Corcubión (60 km)

Mércores 7 Corcubión – Camariñas (62 km)

Xoves 8 Camariñas – Laxe (44 km)

Venres 9 Laxe – Malpica (62 km)

Sábado 10 Malpica – Coruña (55 km)

Domingo 11 Epílogo (ruta ornitolóxica polo río Mero)

“Será unha semana para gozar da paisaxe, da cultura e da gastronomía galega pedaleando sen présa nas nosas bicicletas coas nosas alforxas”, sinalan dende a organización, engadindo que “para os que non conseguiron praza ou non poden viaxar nesta época, na web dos Encontrinhospoderán atopar unha descrición detallada de cada etapa para poder gozalas noutro momento”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...