O alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, e máis a concelleira de de Economía e Facenda, Herminia Pouso, anunciaron este xoves 1 de agosto á veciñanza que “a partir de hoxe o aparcadoiro do Centenario pasa a abrir as 24 horas do día os sete días da semana”.
O rexedor trasladou a satisfacción do equipo de Goberno: “Estamos contentos de conseguir unha cuestión que para nós era prioritaria, que era o de facilitar o aparcadoiro céntrico para persoas que veñan a traballar, a comprar ou simplemente que necesitan facer un recado e que teñen a necesidade de deixar o seu automóbil nun espazo céntrico e a bo prezo”. O alcalde comentou que se leva traballado ao longo dos meses para facer isto posíbel e “que dende hoxe comeza a operar a empresa que foi adxudicataria do servizo de conserxería e xestión do aparcadoiro: Cycle (empresa de economía social) onde vai a prestar os seus servizos 24 h durante os 7 días da semana.
Explicou tamén que nos vindeiros meses vaise a actuar na parte material e mellorar o sistema de cobranza cuns novos caixeiros intelixentes, tamén será transformado o sistema de acceso, unha actuación que suporá investir preto de 170.000€.

O rexedor avanzou tamén que nos vindeiros meses procederase a remodelar a praza do Centenario para eliminar as humidades e filtracións que ten o aparcadoiro, “unha importante actuación por valor de 1.2 millóns de euros que facilitará ademais ordenar a praza e gañar espazos verdes”, dixo, engadindo que “con esas tres actuacións pretendemos que o aparcadoiro do Centenario sexa un estacionamento céntrico, accesíbel, renovado e que lle dea servizo a toda a poboación de Ribeira”. Luís Pérez Barral lembrou que o aparcadoiro ten “unhas tarifas moi económicas, constituíndose como o parking máis barato do Barbanza, pois por só euro e medio poderemos deixar o coche 2 horas e se mercamos no comercio local terase posibilidade de reducir esa contía”.
Pola súa banda, Herminia Pouso tamén manifestou a súa alegría e lembrou que xa se leva unha traxectoria dando pasos adiante para recuperar a xestión do aparcadoiro, e recordou que “é unha infraestrutura que naceu en base a unha concesión de obra e servizo e que por avatares do mundo empresarial, esa empresa entrou en concurso de acredores e estaba ata data de onte xestionada por unha administradora concursal”.
Amais, fixo referencia a ordenanza fiscal que establece unhas tarifas accesíbeis para todos os cidadáns, informou das diferentes opcións para solicitar ser usuarios abonados e os beneficios do cambio de maquinaria en xeral con software de control de matrículas que, segundo dixo, “vai aportar unha maior eficiencia na xestión”.
Rematou engadindo que “desexa que isto cumpra cas expectativas dos ribeirenses e por suposto dos visitantes que se vexan na obriga de facer uso da infraestrutura”.



