Na mañá deste 31 de xullo presentouse no Parque Periurbano de San Roque en Ribeira a V edición do festival Paisaxes Sonoras, o festival de Barbanza Arousa que reivindica espazos de singularidade paisaxística, ambiental e cultural como escenarios de concertos de artistas de primeiro nivel. Desta volta poranse en valor o Pazo de Goiáns, o Pazo de Rianxiño, o Parque Periurbano de Ribeira e o Miradoiro de Cabío na Pobra.
Participaron na presentación Luís Pérez Barral, presidente da Mancomunidade Barbanza Arousa e alcalde de Ribeira; Patricia Lojo, concelleira de Cultura da Pobra do Caramiñal; María Outeiral, concelleira de Cultura de Boiro; Julio Alcalde, concelleiro de Cultura de Rianxo; Francisco Suárez-Puerta e Antía Alberte, concelleiros de Festexos e de Cultura de Ribeira respectivamente e Fátima Cachafeiro, xerente da Mancomunidade Barbanza Arousa.
Segundo fixeron saber, o festival estenderase entre os días 23 e 25 de agosto de forma itinerante entre os 4 concellos de Barbanza Arousa. Nesta ocasión os artistas serán o día 23 de agosto ás 20:00 horas Abraham Cupeiro en Boiro, o dia 24 de agosto as 12:00 horas Uxía e Ruibal en Ribeira e ás 20:00 The Rapants na Pobra do Caramiñal e, finalmente o dí9a 25 de agosto ás 12:00 horas Xurxo Fernandes e Pan sen Fron en Rianxo.
Igual que nas anteriores edicións, este festival realízase en cooperación coas concellerías de cultura e festexos dos catro concellos e as localizacións serán 4 espazos culturais e naturais de gran potencial turístico do destino. O Pazo de Goiáns en Boiro, o Pazo de Rianxiño en Rianxo, O Parque Periurbano de San Roque en Ribeira e o Miradoiro de Cabío na Pobra do Caramiñal serán os lugares emblemáticos deste festival.

Esta edición, ademais, estará marcada por unha tripla fusión entre natureza, música e enogastronomía, con actividades como degustacións e visitas guiadas que se desvelarán proximamente.
A partir deste 31 de xullo están as entradas á venda no portal Ataquilla, sendo unicamente abonos para os 4 concertos, cun custe de 20 euros máis gastos de xestión.
“Barbanza Arousa é un destino con moitas potencialidades turísticas e culturais; con paisaxes cheas de encanto, elementos culturais e gastronomía de primeira orde. O evento Paisaxes Sonoras pretende poñer en valor esa paisaxe tan característica do noso territorio, dando a coñecer recursos singulares coma este no que nos atopamos, o Parque Periurbano de San Roque”, manifestou Luis Pérez Barral, presidente da Mancomunidade, que aproveitou tamén para convidar a veciños, veciñas e visitantes a desfrutar desta cita cultural e turística que ano tras ano se está consolidando no destino.



