
A CEMMA comprobou a presenza do arroaz solitario (Tursiops truncatus) coñecido como Confi dende hai unas semanas, na costa de Carnota, Dumbría, Corcubión e Cee. Durante a fin de semana frecuenta o porto de Cee mantendo seguimento e contacto coas embarcacións, sen causar maiores problemas, engade a coordinadora, explicando que durante a semana, polas mañás, frecuenta a Escola de Vela de Corcubión e alí a monitora ten a xuízo da CEMMA un comportamento exemplar, recomendando aos cativos participantes que eviten o contacto directo co golfiño a pesar de que o exemplar achégase ás embarcacións. Porén, a CEMMA salienta que a outra cara da moeda pódese apreciar nas fins de semana e polas tardes, cando o arroaz visita as praias e sofre situación de acoso por parte dos bañistas dado que o exemplar achégase aos humanos. A xuízo da CEMMA, o animal “non é respectado polo que ducias e centos de persoas arremuíñanse ao seu arredor buscando o contacto directo”.
E engaden: “Temos comprobado que as prácticas dos bañistas co arroaz son moi negativas e faltas de respecto. Ademais de estar suxeitas a un grande risco, do cal non son conscientes, dado que é un animal que pode superar os tres metros de lonxitude e os 400 quilos de peso, pudendo causar danos mesmo sen querer, e ata con posibilidade de contaxio de zoonoses por contacto (vírica epidérmicas ou pneumonía). Estas actividades son constitutivas de delito ao buscar todas estas persoas o contacto directo co animal e non estar permitidas pola lexislación vixente de especies protexidas”, explica a CEMMA engadindo que estas prácticas están sendo expostas en redes sociais co consecuente chamado que se está facendo agravando máis a situación.
Equipos de apoio e voluntariado
Dende 2019 a CEMMA puxo en marcha unha campaña de divulgación que se materializou na colocación de carteis nas praias da ría de Muros-Noia coa información sobre protocolo de actuación e referencias legais. A entidade tamén dispuxo de equipos de informadores nas praias que trataban de informar aos bañistas para evitar que se meteran na auga co golfiño. Finalmente a coordinadora viuse obrigada a retirar a actuación destes equipos ao recibir insultos e vexacións por parte dos usuarios das praias. A consecuencia de todo isto foi que o arroaz rematou mordendo a unha bañista en Ornanda, Porto do Son e mandándoa a urxencias.
Consecuencias
A CEMMA engade que “a actuación irresponsábel dos bañistas vai recaer posteriormente nos profesionais da navalla; así, cando os bañistas marchen felices para as súas casas, a causa do continuo contacto co arroaz, este vai seguir buscando humanos cos que contactar, e, por tanto achegarase aos mergulladores profesionais da navalla interrompendo os seus traballos, esta situación pode ter fatais consecuencias para o animal xa que no ano 2022 recibiu un arponazo, cousa que non desexamos que se repita”.
En base a todo o exposto, a CEMMA solicita ás autoridades e forzas de seguridade que tomen as medidas policiais pertinentes para evitar esta situación, do contrario solicitará o peche das praias, que frecuente o arroaz, ao baño.
A coordinadora engade que “por moi solitario que estea o arroaz temos que lembrar que é un animal salvaxe, especie protexida como vulnerábel na listaxe de especies ameazadas, e ao que temos que respectar e darlle a máxima tranquilidade posible”. Pode ser observado dende a costa, observalo acompañando unha embarcación, etc., mais debemos manter sempre unha distancia prudencial necesaria para a seguridade de ambos”. Ademais, indican, “o contacto cun cetáceo pode ter consecuencias directas no relativo á seguridade física e de saúde”.



