O parque da Cachada de Boiro será escenario os días 26, 27 e 28 de xullo dunha nova edición da concentración moteira Boiromotos 2024, que conta coa colaboración do Concello. Na presentación do programa de actividades, celebrada na mañá deste 22 de xullo, participaron o alcalde, José Ramón Romero; a concelleira de Cultura, María Outeiral; o presidente e o secretario do motoclub, José Viturro e Manuel García.
O programa de actividades comeza o venres 26 a partir das 17.00 horas coa apertura das inscricións e actividades infantís durante a tarde e adestramentos do Club Barbanza 4×4 Sport RC para continuar durante a noite coa actuación de El Despertar del Silencio e Djs Tito Maverik e Places.
O sábado a programación contará cunha exposición de motos oldies e clásicas a cargo de Old School Galician e Arousa Team; un curso de seguridade viaria para nenos e nenas; unha mexilloada amenizada polo grupo Arume; exhibicións de coches Radio Control Crawler; xogos tradicionais con premios; exhibición de Stunt e verbena cos Djs Tito Maverik e Places.
A programación remata o domingo cunha exhibición de stunt a cargo do piloto Pichu e pinchada gratuíta con música tradicional.
“A Boiromotos é unha cita importante no municipio pola cantidade de xente que atrae, non só de Galicia senón de toda España, e que dinamiza o noso comercio e a nosa hostalaría”, afirmou o alcalde.
As actividades son gratuítas e de libre acceso para todos os públicos pero hai inscricións para poder participar nas comidas organizadas. “A programación segue a mesma liña de anos anteriores con concertos, exhibicións, concursos e gastronomía… estimamos uns 400 inscritos e miles de asistentes que nos visitan durante os tres días”, afirmaron dende a entidade.
Para o desenvolvemento das actividades haberá cortes puntuais das rúas María Mariño, avenida da Avellaneda e av. Empresario Jesús Alonso, ademais de restricións no aparcamento nesas zonas. Para facilitar o estacionamento, o aparcamento de A Boqueira de A Negral estará aberto as 24 horas.




