25º Trofeo Hotel Carlos I Silgar 37ª Regata Roteiro das Illas

As inclemencias meteorolóxicas deste sábado, tras o paso dunha fronte activa que entrou polo Atlántico,
condicionaron a celebración da tradicional circunnavegación ás Illas de Onza e Ons que, ano tras ano, promove o Hotel Carlos I Silgar, baixo a organización do Real Club Náutico de Sanxenxo.
O Comité da Regata optou pola celebración de dúas probas alternativas: unha primeira ao vento, tipo barlovento-sotavento, de catro millas totais de percorrido, fronte ao espigón do porto de Sanxenxo; e unha
segunda de trazado de litoral interior pola Ría de Pontevedra, elixindo o numeral 6 entre as diferentes opcións, que coas súas 6,7 millas náuticas facía os seus pasos polos faros de Mourisca e Morrazán.
Tras a conclusión destas dúas primeiras probas manda en ORC 1 o Orión, de Alberto Pérez, do Monte Real Club de Iates de Bayona, que fixo dous primeiros. Está no ouro con 2 puntos. Con dous máis, na prata, colocouse o Figaro 55, do campión do mundo Jesús Pintos, do Real Club Náutico da Coruña, que rexistrou dous segundos. E no bronce, o Corsario XXX, de Jorge Durán, do Club de Iates de Vilagarcía, con 6 puntos, tras os seus dous terceiros.
En ORC 2 o caixón do podio está máis apertado, cos tres banzos empatados a 4 puntos. Primeiro o Ziralla Primeiro, de Ramón Barreiro, do Ro Yacht Club, cun terceiro e un primeiro parciais. Segundo o Travesío, de Beatriz Ábalo, do Real Club Náutico de Sanxenxo, cun primeiro e un terceiro. E na terceira praza, o Adegas Chaves-Seida, de Iñaki Carbajo, do Club Náutico de Beluso, con dous segundos.
A segunda xornada dispútase este domingo, cunha programación deportiva moi similar á deste primeiro día da regata, con saída ás 13.15 horas para ambas as clases.
O Trofeo Hotel Carlos I Silgar – Regata Roteiro das Illas conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para ou Deporte, a Deputación de Pontevedra, o Concello de Sanxenxo, a Real Federación Galega de Vela e Nauta Sanxenxo.



