O Auditorio de Ribeira acolleu a entrega dos Premios PEL 2024 da Deputación. Tempo Social Training, Pilgrim Travel, Insertega e Bico de Xeado gañan os galardóns

18 Xullo 2024

O novo Auditorio de Ribeira acolleu este xoves 18 de xullo a gala de entrega dos sextos Premios PEL da Deputación da Coruña ás mellores e máis innovadoras empresas, asociacións e clústeres da provincia. A larachesa Tempo Social Training, a herculina Pilgrim Travel, Insertega, con sede no Polígono de Sabón (Arteixo), e a bergondesa Bico de Xeado foron as galardoadas da noite, nun acto no que houbo tamén un recoñecemento para o xornalista económico Julio Pérez. Un total de 92 candidaturas concorreron á sexta edición destes importantes galardóns, co que se superou o récord de inscricións, o que foi, en palabras da Deputación, “unha mostra do enorme potencial que ten a provincia para seguir innovando, apostando polo talento de aquí e impulsando proxectos empresariais de éxito”.

O evento contou coa presenza do presidente provincial, Valentín González Formoso, do alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, e dunha ampla representación do tecido social, económico e empresarial da provincia. A gala foi conducida pola actriz e presentadora Marta Doviro e contou coa actuación musical do grupo boirense D´Crooners Band.

“Cos premios PEL queremos recoñecer o talento e innovación dos emprendedores e das pequenas empresas da provincia. Todas elas, co traballo das persoas que hai detrás, contribúen á creación de emprego, á dinamización económica e á proxección da imaxe de Galicia”, apuntou Formoso, que lembrou que grazas a isto, a provincia da Coruña afiánzase como “o motor económico” da comunidade autónoma.

Valentín González Formoso quixo pór en valor o Plan de Emprego Local, xa que cando chegou á presidencia da Deputación, no ano 2015, a institución provincial apenas investía un millón de euros anual na creación de emprego. “Oito anos despois, a creación do PEL supuxo un investimento de 112,8 millóns de euros que axudaron a crear 7.196 empregos directos tanto no eido público como no privado; ademais, 11.875 empresas e profesionais autónomos recibiron o apoio económico da Deputación da Coruña para impulsar a súa competitividade e modernización, e preto dun centenar de emprendedores desenvolven os seus proxectos de negocio nos 11 centros cos que conta actualmente a Rede Provincial de Espazos de Coworking noutros tantos municipios coruñeses”, engadiu.

Para o presidente, “ningún proxecto empresarial bo pode quedar no papel por falta de apoio técnico ou económico”, polo que “as axudas para dar o primeiro paso son sempre fundamentais. Así nolo transmiten os emprendedores e emprendedoras e aí está a Deputación para apoialos”, sinalou.

Formoso subliñou tamén a importancia de favorecer a implantación de proxectos industriais estratéxicos que permitan que o talento e o coñecemento da nosa xente moza “poda desenvolver todo o seu potencial aquí en Galicia e non teña que emigrar na busca de oportunidades” e subliñou a necesidade de “apostar pola implantación de empresas no rural, un aspecto fundamental para loitar contra o despoboamento e impulsar o progreso económico de Galicia”.

As empresas e entidades gañadoras nas catro categorías oficiais recibirán un premio en metálico por importe de 18.000 euros. Así, repartíronse un total de 72.000 euros nesta edición dos premios PEL.

Tempo Social Training Club S.L. recibiu o premio na categoría de Mellor iniciativa empresarial nova, ao ter en conta o xurado o trasfondo social do proxecto, que “aposta pola integración e dinamización da poboación rural a través da creación de comunidade e o fomento de hábitos de vida saudábeis”. Nacida hai tan só dez meses no concello de A Laracha por iniciativa dos irmáns Jesús e Lucía Graña Aller, Tempo cristalizou na posta en marcha dun centro de actividade física e deportiva, de descanso e de interrelación humana. Segundo destacou o xurado, “a súa distinción con respecto aos ximnasios convencionais atópase no enfoque integral e holístico que combina múltiples facetas do benestar nun só espazo”. As actividades deportivas, os eventos culturais, os programas sociais e os espazos integradores únicos para a atención á diversidade e a conciliación son as súas grandes liñas de actuación.

Pilgrim Travel SL foi galardoada na categoría de Mellor iniciativa empresarial consolidada. Trátase dunha empresa fundada na cidade da Coruña no ano 2016 por Roberto Fraga e Laura Castelo. Esta axencia de viaxes especializada no Camiño de Santiago obtivo o recoñecemento “polo seu potencial crecemento económico, a xeración de emprego, o proceso de dixitalización e a actividade dinamizadora e creadora de valor do Camiño”. O xurado valorou que “Pilgrim xa non só realiza soporte ás persoas peregrinas, senón que se ocupa de todo tipo de servizos relacionados coas súas necesidades”. A empresa, ademais, busca un enfoque ecolóxico para mellorar a sustentabilidade das rutas.

O premio á Mellor iniciativa verde foi para Iniciativa Social Emprendedora de Reciclaje Textil SL – Insertega, cuxo “labor a prol do medio ambiente e a integración social, coa importante innovación na reciclaxe, e a xeración de postos de traballo para persoas en risco de exclusión social” foi recoñecida polo xurado. Situada na actualidade no Polígono de Sabón, en Arteixo, Insertega arrincou a súa actividade no 2013 e está categorizada como Centro Especial de Emprego desde un ano despois. O 100% do seu equipo profesional, de máis de 200 traballadores e traballadoras, ten recoñecida algún tipo de discapacidade. A súa actividade desenvólvese arredor da valoración do residuo téxtil e leva xestionadas 50 millóns de prendas grazas á súa rede de máis de 350 colectores para captar o residuo téxtil xerado nos fogares.

Por último, a Cooperativa Agraria Provincial de A Coruña – Bico de Xeado obtivo o recoñecemento a Mellor iniciativa transformadora do rural. O xurado entendeu que merecía o galardón pola súa traxectoria de expansión, que “fixo posíbel que levase o nome de Galicia máis aló das nosas fronteiras; ademais foi quen de promover o produto galego de proximidade e ecolóxico poñendo, ao mesmo tempo, en valor ao rural”. Con sede en Bergondo, Bico de Xeado vén traballando na revalorización do sector lácteo desde o desenvolvemento de áreas estratéxicas baseadas na sostibilidade, a investigación de materias, a inclusión dun formato monodose que permitirá aumentar a adaptabilidade do seu produto e a fundamental elaboración con materiais de proximidade. “Todo para expandirse no mercado dun xeito que pelexa contra o reto demográfico a través da creación de oportunidades no rural”, salientou o xurado.

Recoñecemento ao mellor comunicador

No acto tamén houbo espazo para un recoñecemento ao Mellor comunicador en materia de Economía e Empresa. Foi ás mans do xornalista Julio Pérez Domínguez, nacido en Betanzos e licenciado en Ciencias da Información pola Universidade de Santiago de Compostela. Despois dunha ampla traxectoria en medios como La Voz de Galicia, RNE, Antena 3, Localia Lugo, La Opinión de A Coruña e a TVG, incorporouse a Faro de Vigo no ano 2017. Desde 2023 é xefe da sección de Economía deste xornal que forma parte do grupo Editorial de Prensa Ibérica, polo que as súas pezas tamén aparecen en La Opinión e El Correo Gallego. Foi Premio Albarelo de Periodismo, Premio Eolo, Mellor comunicador en enerxía de Galicia e Premio Enerxéticos.

O xornalista Julio Pérez na súa intervención por videoconferencia

O xurado

Nesta edición, o xurado estivo presidido polo presidente da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), Antonio Fontenla Ramil, mentres que o cargo de secretario desempeñouno Manuel Vázquez Sesmonde, xefe do Servizo de Desenvolvemento Territorial e Transición Ecolóxica da Deputación da Coruña.

Tamén integran o xurado José Manuel Cotos Yáñez, profesor titular da Universidade de Santiago de Compostela; Antonio García Lorenzo, catedrático de Escola Universitaria na UDC e membro do grupo de investigación Jean Monnet de Competencia e Desenvolvemento; Rosa Mary Cardeso Trillo, secretaria xeral da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela; Ángel Noguerol Urrutia, técnico de innovación e emprendemento da Cámara de Comercio da Coruña; Carme Pampín Casal, cofundadora e CEO de Galchimia S.A., empresa gañadora da IV edición dos premios PEL; e Eva González Mata, directora da store negocios de CaixaBank na Coruña.

Récord de participación

Un total de 92 empresas da provincia optan ao premio este ano, o que, en palabras da Deputación, “supón un récord de participación con respecto ás edicións anteriores”.

A maior parte das empresas que concorren aos premios teñen a súa sede nos concellos da Coruña (20), Santiago (7) e Ferrol (5). En canto á tipoloxía destacan as microempresas (36), seguidas dos profesionais autónomos (18) e por actividade destacan as empresas de servizos técnicos ou tecnolóxicos. Na categoría de mellor iniciativa verde concorren, ademais de empresas, concellos e asociacións empresariais.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

Las mejores iniciativas sociales suelen ser también las más sencillas, no necesitangrandes edificios ni presupuestos millonarios, basta una buena idea y la voluntad deponer a las personas en el centro. Ocurre con muchas propuestas, tanto de iniciativaprivada como de...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.