Desarticulada unha banda de Vilanova de Arousa que distribuía cocaína por España e Portugal

16 Xullo 2024

O Servizo de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria en Galicia desactivou unha organización asentada en Vilanova de Arousa dedicada á distribución de cocaína a diversos puntos de España e Portugal mediante vehículos con dobres fondos.

No marco da operación, denominada Patinete, foron detidos o principal investigado, que estivo máis dun mes en paradoiro descoñecido, e mais o condutor dun vehículo que portaba 50 quilos de cocaína. Os dous están xa en prisión provisional acusados de presuntos delitos de tráfico de drogas e organización criminal.

Servizo de Vixilancia Aduaneira

Aos anteriores engádese un terceiro, investigado pero non detido, na zona de Lebrija, ao que se lle atribúe un delito de contrabando de xéneros prohibidos.

As investigacións arrincaron hai máis dun ano, cando o Servizo de Vixilancia Aduaneira en Vigo detectou que o principal investigado, xa coñecido pola súa vinculación co tráfico de drogas por vía marítima, realizaba continuos desprazamentos a diversos puntos da península ibérica.

Os investigadores sospeitaron desde o primeiro momento que o individuo puidera estar novamente vinculado á distribución de sustancias estupefacientes. Durante a investigación, determinaron que a banda distribuía a droga utilizando dous vehículos: un actuaba como vehículo lanzadeira e outro como vehículo de carga. Os ocupantes deste último avisaban ao primeiro no caso de detectaren controis policiais para que puideran desviar a ruta.

Os membros da organización cambiaban constantemente de vehículos e tamén de teléfonos móbiles e utilizaban aplicacións encriptadas para entorpecer calquera labor de investigación ou seguimento.

Froito da investigación, púidose acreditar que a organización criminal realizaría preto dunha vintena de viaxes destas características a diversos puntos de España, como Asturias, Andalucía e Galicia, e tamén a Portugal.

A banda caeu en xuño nun operativo despregado na AP-9

A comezos do mes de xuño e após un “extenso labor de campo”, os investigadores despregaron un operativo que permitiu interceptar na autoestrada AP-9, na provincia de Pontevedra, un vehículo da organización que portaba máis de 50 quilos de cocaína oculta en dous dobres fondos.

O vehículo contaba cun sofisticado sistema de ocultación baixo os dous asentos dianteiros, que se levantaban integramente con parte da carrozaría do vehículo. Para descubrir as caletas foi necesaria a utilización do escáner de colectores da Aduana de Vigo.

Nese momento produciuse a detención do condutor do vehículo que transportaba a sustancia estupefaciente, mentres que o principal investigado fuxiu nunha motocicleta no momento en que ía ser detido polos investigadores. Permaneceu en paradoiro descoñecido durante máis dun mes ata que se presentou no xulgado.

Xunto ao operativo na AP-9 levaron a cabo cinco rexistros en domicilios e naves, tres na zona de Vilanova de Arousa (Pontevedra) e dous nas localidades de Lebrija e El Cuervo (Sevilla).

Unha das naves de Vilanova contaba con fortes ancoraxes de seguridade, polo que, para acceder a ela, durante a madrugada do martes 4 de xuño, foi necesaria a colaboración do Corpo de Bombeiros de Vilagarcía de Arousa.

Ademais da sustancia estupefaciente, entre os efectos intervidos e postos á disposición do xulgado atópanse dous remolques, unha trintena de garrafas de combustible e mesmo un tractor de elevadas dimensións dos que habitualmente se utilizan para trasladar embarcacións, e tamén equipos electrónicos, diñeiro en efectivo e diversa documentación.

A detección do tractor, os remolques e as garrafas de combustible levan aos investigadores a entender que polo menos parte da organización se dedicaría tamén ao rescate de estupefacientes introducidos por vía marítima tanto en Galicia como en Andalucía.

As investigacións, realizadas pola Unidade Operativa de Vixilancia Aduaneira de Vigo, coa colaboración da Unidade Operativa de Sevilla para os rexistros, continúan abertas e centradas principalmente nunha análise da documentación intervida, polo que non se descartan novas detencións.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

En 1969 Laurence J. Peter formuló el principio que lleva su nombre según el cual, enuna estructura jerárquica, los empleados llegan al nivel de incompetencia cuando sonascendidos a puestos para los que ya no están capacitados. El pedagogo canadienseformuló su teoría...

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

Ela e o seu marido fóronse vivir a Ceuta hai uns cantos anos, recen casados e sen fillos. Nun daquelescuarteis estivera destinado Marcial, como soldado forzoso e antimilitarista confeso. Ao volver da“mili”, e despois de tempadas longas traballando no mar ou na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.