Rosana Pérez esixe ao Goberno da Xunta que convoque “de xeito urxente” as axudas directas comprometidas ao marisqueo

08 Xullo 2024

 A deputada Rosana Pérez vén de rexistrar unha iniciativa para esixir ao PP que “cumpra o acordo unánime do pasado 7 de maio no Parlamento” e “convoque de xeito urxente as axudas directas comprometidas ás mariscadoras e os mariscadores que sofren as consecuencias da perda continuada de produtividade nas rías galegas”. Ademais, reclama que “de maneira prioritaria sexan investidas nestas axudas os case 21’5 millóns de euros que a Consellería do Mar deixou sen executar en 2023 para manter unhas rendas dignas e evitar a expulsión de máis xente do marisqueo”.

E engadiu: “A situación é desesperada. Hai mariscadoras que xa abandonaron a actividade, outras que levan sen ingresos desde o mes de decembro, outras obrigadas a volver ás praias onde os topes son mínimos pola escaseza de recurso e outras que non teñen ningunha axuda por non teren acumulado o tempo para poder cobralas”.

A portavoz de Mar do BNG explicou que o acordo aprobado por unanimidade dos grupos da Cámara insta á Xunta, literalmente, a “elaborar e  poñer en marcha de xeito urxente e extraordinario un plan de cobertura económica e social para as traballadoras e traballadores do mar afectados pola sucesión de condicións climatolóxicas adversas que se veñen producindo dende o mes de outubro, e que contemple cando menos axudas directas dende o mes de outubro e ata que se recupere a actividade con normalidade”.

Agora, dixo, “cando se van cumprir xa dous meses dende que o acordo foi aprobado, vemos como a situación das mariscadoras e mariscadores é, non igual que daquela, senón moito peor, sendo a única contribución que levan recibido da Administración galega dende o mes de outubro unha axuda de 550 euros que apenas foi abonada a 4.000 dun total de 7.000 profesionais”.

Denuncia ademais que” as axudas con cargo ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA) foron convocadas aínda no mes de maio e só para a paralización da actividade a frote nos bancos de libre marisqueo da ría de Arousa, nos do Plan de xestión da Confraría de Noia e no específico conxunto, tamén a frote, das zonas de libre marisqueo das Confrarías de Pontevedra, Lourizán, Raxó, Sanxenxo e Marín”.

Pérez laiouse tamén de que persoas afectadas “tardarán aínda meses en cobrar”, e destacou que “a situación é aínda peor para os afectados do marisqueo a frote e, sobre todo, para a totalidade dos traballadores e das traballadoras do marisqueo a pé porque, para estes colectivos, as axudas seguen sen convocarse a esta altura do ano”.

Outros artigos

Mar remata as obras de construción do peirao interior de Muros

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu 460.000 euros na reconstrución dun tramo do peirao interior da dársena de Muros (A Coruña). A titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, visitou na mañá deste mércores 10 de xuño as obras que se...

+

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...