O Concello de Boiro recibe, da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude una subvención por importe de 10.000 euros no marco da convocatoria de axudas destinadas a centros museísticos. A axuda recibida vaise destinar ao acondicionamento do Centro Arqueolóxico do Barbanza.
O obxectivo desta subvención é “financiar a realización de actuacións e actividades museísticas que faciliten a conservación, a seguridade, a documentación, a investigación e a difusión de centros que formen parte do Sistema Galego de Centros Museísticos”. En particular esta axuda “vaise destinar á adquisición de equipamento para a conservación preventiva dos fondos no marco do proxecto de acondicionamento do depósito de materiais arqueolóxicos da área de reserva”, sinalaron fontes do Concello, engadindo, nun plano máis concreto, que o que se pretende “é habilitar un novo espazo destinado ao depósito de materiais arqueolóxicos, xa que na actualidade dispón dun espazos moi reducido que resulta insuficiente para acoller os fondos que custodia en depósito”.
As actuacións previstas contemplan habilitar un espazo duns 90 metros cadrados con liñas de andeis (estantes) e caixas estandarizadas para organizar os distintos depósitos arqueolóxicos que custodia o Centro.
O Centro Arqueolóxico do Barbanza foi recoñecido, autorizado e cualificado como colección visitábel de contido arqueolóxico polo Consello da Xunta de Galicia no ano 2012. O obxectivo do Concello de Boiro é mellorar as instalacións do centro e impulsalo, ao tratarse dun referente na comarca xa que na actualidade conta con máis de 40 depósitos arqueolóxicos que suman máis de 35.000 pezas e que recibe centos de visitantes cada ano.




