Este venres 28 xuño inaugurouse oficialmente a II edición da Feira Náutica do Freixo, que se celebra esta fin de semana até o domingo 30. Na apertura de actividades participaron (entre outros persoeiros) o conselleiro de Mar, Alfonso Villares, e o alcalde de Outes, Manuel González.

Na feira, impulsada polo Concello en colaboración con entidades sociais e mariñeiras da contorna, están presentes como expositoras as empresas do sector náutico Astilleros Abeijón Hermanos S.L., Astilleros y Varaderos Lago Abeijón S.L., Talleres Villade, R Náutica, ACR Servicios Náuticos, Náutica Andrade Mar S.L., Decoat e Álvarez Riveira.
As persoas que se acheguen poderán, previa inscrición, gozar de diversas actividades de ocio e deportivas, como visitas ao Museo Carpintaría de Ribeira Estaleiro de Ciprián, ao estaleiro Abeijón Hermanos S.L. ou aos puntos máis simbólicos e históricos da parroquia de San Xoán de Sabardes; rutas en caiac polo litoral; ou rutas a bordo do histórico balandro Joaquín Vieta, construído no ano 1916 no antigo estaleiro de Ríos.
Pola súa banda, a Asociación ADECO-DEA achegará a navegación a persoas con diversidade funcional a través dunha embarcación adaptada.
No peirao do Freixo haberá diversos espazos expositivos para coñecer múltiples tipos de embarcacións tradicionais, así como unha exposición permanente no Náutico.
En colaboración con AGALCARI celebraranse ao longo das tres xornadas obradoiros de carpintaría de ribeira nos que se visibilizará en vivo o proceso de construción tradicional de embarcacións. Tamén haberá oportunidade de asistir a unha mesa redonda baixo o título Estaleiros sostibles, cara o futuro dende a tradición, un espazo de encontro e intercambio para atopar sinerxías multisectoriais que teñen en común o uso do monte e o emprego da madeira como materia primixenia para afrontar os riscos no coidado e a limpeza do medio mariño dende a óptica da construción naval.
A Feira Náutica do Freixo contará asemade cun Mercado Mariñeiro, dedicado á artesanía mariñeira, con diversos postos de venda.

A axenda punto por punto
A axenda, que podemos consultar xa nas redes sociais, deu comezo este venres ás 17.00 horas coa inauguración da feira (izado de velas das embarcacións tradicionais) e proseguiu cun obradoiro de plásticos (Aula Sostíbel do Freixo), cun roteiro (Carpinteiros cos pés mollados e visita ao estaleiro) e cun concerto de Mad Martín Trío (ás 22h).
O día seguinte, sábado 29, comezará cunha nova sesión do roteiro da xornada anterior (ás 10h) e con navegacións en embarcacións tradicionais a partir das 10h (e rutas en caiac a partir das 11). Ás 11 abrirá as súas portas a feira e ás 12.30 celebrarase unha mesa redonda sobre estaleiros sostíbeis. Ás 13.00 haberá unha saída no balandro histórico Joaquín Vieta, con base no Freixo, e ás 17.00 celebrarase un roteiro cara as orixes do Freixo. Pola tarde haberá novas xeiras de navegación tradicional (de novo no Joaquín Vieta e nas embarcacións tradicionais que se dean cita na feira), e xa polo serán, ás 21h, celebrarase un monólogo do ribeirense Quico Cadaval e, máis tarde (a partir das 22.30) actuacións de Catuxa Salom e de Monoulious Dop.

Ao día seguinte, domingo 30, as actividades comezarán cun novo roteiro cara as orixes do Freixo e cun concurso de pesca (de 5 a 16 anos), a partir das 10.00 horas. A partir das 11h haberá novas saídas ao mar en embarcacións tradicionais e ás 12.30 horas celebrarase un concerto a cargo de Habana Café Son. Ás 17.00 horas desenvolverase novamente o roteiro Carpinteiros cos pés mollados e ás 18h unha nova saída ao mar do balandro Joaquín Vieta. Ás 18.30 haberá rutas en caicac e, tamén, un concerto de Habanoia. Ás 19.30 está prevista unha degustación gastronómica (Restaurante O Secadeiro).




