O alcalde, José Ramón Romero, xunto con outros membros da corporación, celebraron esta tarde o Día Internacional do Orgullo xunto co grupo de voluntariado Turbina. Durante a tarde realizáronse actividades e a lectura dun manifesto.
As actividades deron comezo ás 17.00 horas co pintado dun mural do orgullo colectivo que se realizou na Praza de Galicia. Ás 17.30 horas realizouse un obradoiro de Tie-Dye para o pintado de camisetas onde cada persoa tivo oportunidade de facer o seu propio deseño.
O grupo de voluntariado Turbina foi o encargado de facer a lectura do manifesto, no que reivindicaron a necesidade “dun futuro no que so existan persoas, no que non se fale de homosexuais ou heterosexuais, no que non se catalogue a xente como trans, cis ou non binarie”. Turbina reivindicou que “non queremos etiquetas!”.
O alcalde, José Ramón Romero, pechou a lectura do manifesto agradecendo o gran traballo que desenvolve o grupo de voluntariado
Turbina neste e noutros eventos que leva a cabo o Concello de Boiro e afirmou, en canto aos dereitos LGTB que “queda moito por facer e dende o Concello de Boiro imos seguir poñendo o noso gran de area na educación pola igualdade dende as xeracións máis novas porque eles son o noso futuro”.
As actividades continuaron coa actuación musical de DJ Pájara Boba e unha batalla holi que encheu a Praza de Galicia boirense de cor neste 28 de xuño.




