Este venres 28 de xuño o Centro Cultural Lustres Rivas de Ribeira viuse ateigado de veciños/as, concelleiros/as e representantes e integrantes de entidades sociais e inclusivas como Amicos, Ambar, A Creba, Xardín Ventureiro, AGADEA, Renacer, e IMEGA. O motivo foi a celebración do acto institucional e reinvindicativo do Concello convocado con motivo do Orgullo LGTBI (este día 28), no que falaron o alcalde, Luís Pérez, a concelleira de Educación, Cruz Rivadulla e a convidada para o acto Hadriana Ordóñez, psicóloga e experta en educación afectivo-sexual.

Nunha xuntanza solemne e emotiva Pérez Barral transmitiu que “esta data non só é unha celebración, é unha data de mobilización e de loita polos dereitos da comunidade LGBT… Hai 55 anos, en 1969, os disturbios de Stonewall en Nova York marcaron o inicio dun movemento que transcendeu fronteiras e uniu a millóns na procura da igualdade e a xustiza. Sabemos que por desgraza aínda existe unha parte da sociedade que nos nega o dereito para vivir libres e iguais. Hai a quen lle estraña que houbera uns tempos nos que se nos negaba ser quen decidimos, ser e gozar dos dereitos e liberdades que hoxe temos e seguimos construíndo de maneira colectiva, É crucial lembrar e honrar os fitos e as pegadas da disidencia sexual na nosa propia terra”.
Tamén fixo referencia ás “agresións LGBTIfóbicas, tanto verbais como físicas”, que “nos últimos anos son a manifestación máis extrema da discriminación que sofren as persoas LGBTI e lémbrannos que aínda queda moito por facer para garantir o dereito para vivir de maneira libre e igual, con independencia da identidade de xénero ou orientación sexual que teña cadaquén. Por iso, hoxe dende o Concello de Ribeira queremos facer este acto, porque debemos traballar de forma transversal na prevención de todo tipo de discriminacións. Temos que ofrecer toda a nosa atención a quen o necesite para erradicar toda forma de violencia”.
Na metade do acto deuse lectura a poesías por parte das persoas vinculadas ao tecido social de Ribeira.
Hadriana Ordóñez puxo en valor a necesidade de visibilizar a persoas do colectivo que teñen unha vida plena porque hai moitas persoas que seguen tendo obstáculos no seu día a día.
Como epílogo do acto o rexedor lanzou un chamamento para “seguirmos construíndo xuntos unha sociedade onde o amor, a igualdade e a liberdade prevalezan sobre o odio e a discriminación”.




