Mulleres Salgadas reclama recursos para as compañeiras que non reciben apoio económico pola inactividade marisqueira

27 Xuño 2024

A Asociación Mulleres Salgadas, entidade da ría de Arousa que reivindica e visualiza o traballo das mulleres do mar, emitiu un comunicado no que manifesta a súa preocupación “pola situación de desprotección en que se atopan moitas persoas con permisos de marisqueo a pé en Galicia”. Segundo indican, “moitas confrarías das rías galegas están sen actividade marisqueira debido a cesamentos por causa de forza maior desde xaneiro deste ano, solicitadas pola alta mortaldade de moluscos nas praias; e algunhas delas van alongar eses cesamentos ata o outono para permitir a recuperación dos bancos marisqueiros”. Para a asociación arousá, o devandito significa “que as mariscadoras e os mariscadores non poden recoller moluscos, a súa forma de ingresos habitual”.

Lembran que nestes casos, o Instituto Social da Mariña (ISM) establece un sistema de protección para os afiliados ao Réxime do Mar que comprende o abono dunha prestación económica mensual e a cotización á Seguridade Social en nome do traballador, “e así está a ser na maioría dos casos”. Porén, explican que “a nosa preocupación céntrase naquelas compañeiras aos que lles foi denegado o cesamento e, por tanto, non reciben ningunha prestación económica e, ademais, deben seguir pagando a súa cota da Seguridade Social”.

Atopámonos, din, con varios supostos nos que a desprotección é especialmente grave:

• Mariscadoras e mariscadores que acaban de obter o seu permiso de explotación de marisqueo a pé (permex) e aínda non xeraron o dereito ao cesamento.

• Mariscadoras e mariscadores que teñen un segundo traballo á parte do marisqueo e no que obteñen uns ingresos moi reducidos (falamos de menos de 500€ ao mes e coñecemos casos de 200€ ao mes)

• Mariscadoras e mariscadores que xa esgotaron a prestación por cesamento por sucesivos paros provocados pola baixa produtividade das rías.

Neste senso, Mulleres Salgadas “fai un chamamento ás administracións públicas, en especial á Consellería do Mar da Xunta de Galicia ante a precariedade na que se atopan esas persoas e que non deben ser esquecidas polo actual sistema de protección”.

E rematan: “O marisqueo é unha profesión regrada, non un complemento ás economías familiares e así debe considerarse á hora de articular as axudas a este sector. Cremos que a feminización do sector é un elemento determinante na falta de medidas adoptadas para este colectivo. Queremos lembrar que o marisqueo a pé tamén pode beneficiarse dos fondos comunitarios (FEMPA), pero as únicas axudas publicadas ata a data están dirixidas exclusivamente ao marisqueo á boia”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Xuíces e autos xudiciais” – José Manuel Pena

“Xuíces e autos xudiciais” – José Manuel Pena

Hai bos xuíces, profesionais e valentes que cumpren coas súas obrigas. Un deles, sen dúbida, é Borja Pérez, titular do Xulgado Número 2 de Ribeira. Dita un auto xudicial polo cal suspende o lanzamento dunha familia vulnerable de Ribeira, en aplicación do novo RDL...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.