O grupo hoteleiro de orixe santiaguesa Alda Hotels celebrou o inicio do verán organizando un almorzo informativo con vistas ao mar no hotel Alda Carril, situado na localidade pontevedresa de Vilagarcía de Arousa e un dos seis aloxamentos que a cadea inaugurou este ano nas comarcas de Barbanza e O Salnés, concretamente nos municipios de Ribeira, Boiro, Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa.
Alberto Rodríguez Boo, director executivo (CEO) e fundador de Alda Hotels, salientou a aposta da empresa polos hoteis “urbanos, funcionais, ben situados e de pequeno tamaño”, oferta hoteleira que se complementa cunha liña de establecementos de praia que a día de hoxe inclúe 15 aloxamentos en diferentes puntos do litoral galego, desde Ribadeo ata Bueu, pasando por localidades como Cabanas, A Coruña, Ribeira ou Vilagarcía de Arousa, entre outras, que se suman a varios aloxamentos noutros municipios de fóra de Galicia, como Xixón ou Santander.

Sobre os hoteis Alda Beach, o CEO da compañía indicou que son características comúns destes hoteis non “só a súa localización moi preto de diferentes areais de Galicia, senón tamén do centro urbano”. Do mesmo xeito que no resto da cadea, dixo, “trátase de aloxamentos funcionais nos que se eliminan servizos sen valor engadido como poden ser os minibares ou o room service para poder ser máis competitivos en canto a tarifas, traballando sempre con prezos dinámicos en función da demanda”. Ademais e “tendo en conta o noso interese por dotar os nosos hoteis con tecnoloxía punteira”, moitos deles contan tamén co novo servizo de recepción en liña Guestin, presente na maioría dos hoteis da cadea. “Trátase dun novo servizo de teleatención e control de accesos presentado este mesmo ano en FITUR e que xa está implantado en moitos dos nosos hoteis de praia”, explicou Rodríguez Boo mostrando unha foto do tótem instalado en Alda Boiro mentres sinalaba que “este sistema conta cun contact center operativo e multilingüe as vinte e catro horas do día, que permite a interacción por vídeo-conferencia e é un complemento perfecto á recepción presencial”.
Ademais, durante a súa intervención Rodríguez Boo fixo unha análise da situación do sector turístico a nivel mundial, facendo fincapé no impacto que supuxo a evolución tecnolóxica, “que nos/nos permitiu establecer unha relación directa co cliente” e parándose tamén a enumerar as particularidades do sector en Galicia, cun “minifundismo que se traslada tamén ao sector hoteleiro”. Ao fío do exposto, o fundador da compañía non dubidou en resaltar os numerosos recursos turísticos cos que conta a comunidade galega, comparándoa con outros dous destinos cos que comparte certos atributos: Cataluña e California.

Aperturas en Arousa
A compañía Alda Hotels arrincou este ano 2024 con dúas aperturas na localidade pontevedresa de Vilagarcía de Arousa, Alda Castelao e Alda Carril, e posteriormente estreouse na beira norte da ría de Arousa cos hoteis Alda Boiro e Alda Barraña Praia, ambos os dous situados en Boiro. Para completar esta expansión pola zona de Barbanza, o grupo inaugurou este mes de xuño o seu hotel Alda Ribeira, mentres que no Salnés ampliou a súa oferta abrindo as portas de Alda Alpina, situado en Vilanova de Arousa.
Desta forma, o grupo santiagués confirma o seu gran interese por sumar as zonas de Barbanza e O Salnés ao seu catálogo, incorporando un total de 6 aloxamentos no que leva de ano. Ademais, está confirmada xa unha nova apertura para 2025: o hotel Alda Corrubedo, no municipio de Ribeira. A nivel galego, a compañía continúa analizando novas oportunidades para seguir expandíndose, buscando non só novas localizacións, senón tamén estudando posibilidades de crecemento en localizacións nas que xa está presente.
Alda Hotels, con máis de 80 aloxamentos repartidos en 8 comunidades autónomas, foi fundada no ano 2009 cun albergue en Santiago de Compostela e está a celebrar o seu 15.º aniversario neste 2024.



