O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitou na mañá deste venres 21 de xuño a Casa RIA, que estrea en Santiago de Compostela o arquitecto británico e premio Pritzker David Chipperfield, responsábel da Fundación RIA (con sede principal en Corrubedo e afincando nesta vila mariñeira ribeirense). Alí, González destacou “a aposta do novo inmóbel pola captación de talento”, xa que destinará un dos seus espazos a unha residencia onde estudantes de arquitectura e doutras disciplinas de todo o mundo poderán pasar tempadas na capital galega, ao tempo que reciben formación de expertos e intercambian experiencias.
Durante a visita o conselleiro estivo acompañado, ademais de por David Chipperfield, polo secretario xeral técnico da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración; Joaquín Macho, e polo director da Fundación RIA, Manuel Rodríguez.

José González tamén loou a iniciativa porque, ao seu xuízo, permite presentar Galicia como destino atractivo para traballar e emprender. Aproveitou para destacar o compromiso de Chipperfield e da súa Fundación RIA coa dinamización e vertebración do territorio galego, potenciando novas perspectivas arredor da economía, do urbanismo, da arquitectura e do propio deseño das vilas e cidades.

A Casa RIA é un novo espazo aberto á comunidade no centro de Santiago de Compostela, na rúa Virxe da Cerca (sita no antigo Sanatorio da Virxe da Cerca), en pleno centro histórico compostelán, no que se desenvolverá un amplo programa público de actividades. Este proxecto enmárcase dentro da Fundación RIA, institución sen ánimo de lucro fundada por David Chipperfield en 2017, que se dedica á análise, a reflexión e a planificación territorial estratéxica e a reivindicar os tradicionais usos e costumes construtivos e urbanísticos e ambientais do Barbanza. A Casa RIA será inaugurada oficialmente este mes de xuño.



