O 11º Noia Harp Fest brindará tres completas xornadas de música clásica, folk, experimental e jazz (con artistas de Alemaña, Escocia, Francia, Senegal e Ucraína)

17 Xuño 2024

A organización do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, coñecido como Noia Harp Fest, presentou este 17 de xuño en rolda de prensa o cartel e programación da 11ª edición do certame, que se celebrará do 8 ao 10 de agosto. Segundo fixeron saber, “serán tres xornadas que se caracterizarán pola ampla pluralidade estilística, con concertos de folk, jazz ou clásica, e na que a protagonista absoluta será, de novo, a interpretación musical a través da arpa”. O festival volve contar co apoio do Concello de Noia, da Xunta (Axencia Turismo de Galicia) e da Deputación da Coruña.

Segundo lembraron, o Noia Harp Fest, é “o único evento do noroeste peninsular que ten como eixo vertebrador a música producida pola arpa en toda a xeografía planetaria”.

Presentación da edición 2024 do festival noiés. Imaxes de Jerry O.

A diversidade estilística e de públicos é, sen dúbida, unha das principais características do evento que dirixen Alba Barreiro, Beatriz Martínez e Rodrigo Romaní, quen salienta que o festival “non se parece a ningún outro, pois reúne unha especial combinación de elementos que lle confire unha personalidade única, con concertos de proximidade e para prazas a ceo aberto, e que non entende de fronteiras”.

Neste 2024, arpistas e bandas de Alemaña, Escocia, Francia, Senegal e Ucraína formarán parte do cartel do festival, no que se integrarán, como é habitual, artistas e colectivos galegos. Así, a música da arpa soará ao longo de tres xornadas por toda a localidade, que este ano acollerá máis escenarios ca nunca: un total de seis espazos serán sede do NHF. É o caso da Igrexa Museo de Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela, o Liceo de Noia e a praza do Tapal, ás que se unen, nesta ocasión, o claustro de San Francisco e a rúa do Curro.

O NHF comezará, por terceiro ano consecutivo, co Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa de Galicia, unha proposta que procura estimular a relación e crear unidade entre as e os instrumentistas máis novos do país. Deste xeito, máis de 25 nenas e nenos de distintas localidades galegas darán conta dos seus coñecementos e xuntos interpretarán, como peche do concerto, un tema en común. A cita será o xoves 8 de agosto no Liceo de Noia. Xa en horario de tarde, a rúa do Curro será o punto no que se desenvolva a foliada de benvida ao Noia Harp Fest, na que participarán arpistas de SonDeSeu.

A intérprete, cantante e compositora alemá Nadia Birkenstock, recoñecida pola súa destreza coa arpa celta, será a responsábel de abrir ás 19.00h a xornada do venres 9 cun recital na Igrexa Museo Santa María A Nova. Os concertos continuarán pola noite no Teatro Coliseo Noela. No recinto actuará Solomiia Savchuk, moza ucraína residente en Ferrol e destacada intérprete de bandura, un instrumento do seu país de corda pulsada que combina elementos da cítara e o laude; e o dúo escocés Rachel Hair & Ron Jappy, que ofrecerá un dos directos máis esperados deste ano. Ambos músicos son recoñecidos intérpretes de clarsach (arpa escocesa) e guitarra acústica no seu país e presentarán no Noia Harp Fest o seu lanzamento máis recente, Sparks, un traballo no que regresan ás súas raíces, nas Highlands, e no que presentan unha mestura ecléctica de jigs, reels e marchas de Escocia, Irlanda e Illa de Man.

De cara ao sábado 10 de agosto, a francesa Camille Levecque inaugurará o Claustro de San Francisco como sede do Noia Harp Fest. Será un concerto íntimo no que o público do festival poderá coñecer por vez primeira o traballo da intérprete, que ten colaborado con artistas como Mike Oldfield, Hélène Grimaud ou Benoit Fromanger. Xa pola noite, a partir das 21.00 horas, a emblemática O Tapal acollerá unha noite marcada pola experimentación e que contará coa música de Descofar e Momi Maiga. Descofar é un trío bretón que se define como “un híbrido do alento melódico da música bretoa, a potencia do post-rock compacto e a intensidade inmediata da improvisación”. A banda de Brest pasa da disonancia ao lirismo referenciado e dos arpexios brillantes aos riffs ruidosos.

O peche chegará co cantante e intérprete senegalés Momi Maiga, virtuoso da kora e atrevido compositor, que presentará no Noia Harp Fest o seu primeiro disco, NIO. Sobre o escenario, un cuarteto composto por kora, violín, violonchelo, percusión e voz (Maiga canta principalmente en mandinka e wólof) ofrecerá unha viaxe a camiño entre o jazz, o flamenco e a tradición oral de Senegal.

Outros artigos

Mar remata as obras de construción do peirao interior de Muros

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu 460.000 euros na reconstrución dun tramo do peirao interior da dársena de Muros (A Coruña). A titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, visitou na mañá deste mércores 10 de xuño as obras que se...

+

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...