
A Asociación de Empresarios de Ribeira vai inaugurar este venres ao mediodía a quinta edición da súa Feira do Automóbil Híbrido e Eléctrico. A cita será na praza de España ás 13.15 horas. Contarase con representantes da patronal e, tamén, do Concello de Ribeira e máis da Xunta de Galicia, entidades colaboradoras do evento.
A feira celebrarase os días 14, 15 e 16 de xuño. O horario será de 11.00 a 20.00 horas os tres días (horario ininterrompido). A entrada é de balde.
Nesta edición da campaña a patronal vai sortear 600€ en tarxetas regalo para gastar entre os concesionarios participantes entre todos os tíckets de compra dos establecementos asociados que se suban á web da asociación (www.empresariosriveira.com) e estean selados na Feira do Automóbil.
A maiores, sortearase unha “fin de semana eléctrica”, un sorteo de unha fin de semana cun vehículo eléctrico. Esta iniciativa será posíbel grazas á contribución das marcas participantes.
Participan as seguintes marcas (un total de catorce): Opel, Jeep, Fiat, Citroën, Peugeot, Audi, BMW, Toyota (Compostela Móvil), Lexus (que se incorpora por vez primeira na Feira ribeirense), Mercedes, Kia, Skoda, Ford e Hyundai.
Segundo explicou a patronal na presentación deste importante evento expositivo, a feira será unha boa oportunidade para coñecer as grandes novidades do sector e os máis relevantes lanzamentos actuais e futuros das principais marcas do motor. “Todo indica a que o parque deste tipo de vehículos híbridos e eléctricos nas nosas vilas e cidades será maioritario nos próximos anos, polo que unha vez máis queremos achegar á cidadanía unha canle directa a estes vehículos, coa posibilidades de coñecer de primeira man todos os seus detalles”, indicaron Juan Rey e Francisco Martínez Gude, tesoureiro e presidente da Asociación de Empresarios de Ribeira.



