
O Museo de Mar de Rianxo e a Policía Local acadaron o distintivo de calidade turística do Sistema Integral en Calidade Turística Española en Destino (SICTED). Súmanse deste xeito á Oficina de Turismo de Rianxo, a cal xa obtivo este distintivo de excelencia o ano pasado. O alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, destacou o compromiso do Executivo local coa promoción dun turismo sostíbel e de calidade, un traballo que se enmarca na estratexia que se vén desenvolvendo dende a Mancomunidade Barbanza Arousa.
O SICTED é un proxecto de mellora da calidade dos destinos turísticos promovido pola Secretaría de Estado de Turismo co apoio da FEMP, que traballa con servizos turísticos de ata 37 oficios diferentes, podendo participar todos os establecementos que se atopan no círculo do consumo do turista como transporte, aloxamento, restauración, comercio ou axencias de viaxes entre outras.
O obxectivo último é “mellorar a experiencia e satisfacción do turista; mais para os servizos turísticos que decidan adherirse ofrece beneficios tales como mellorar a xestión interna, dispoñer dunha referencia para mellorar o seu traballo, incrementar a cualificación do persoal, compartir experiencias con empresarios do mesmo sector, participar no maior proxecto de calidade turística desenvolvido en España con máis de 9000 servizos turísticos participantes ou optar a un distintivo que acredita o nivel de calidade turística, recoñecendo o esforzo realizado a nivel nacional e internacional”.
Barbanza Arousa (Ribeira, A Pobra, Boiro e Rianxo) confirmou que na pasada edición da implantación do SICTED conseguiron certificarse 36 empresas e servizos turísticos do destino, representando a un total de 16 oficios diferentes, recibindo o recoñecemento a nivel nacional como caso de éxito na implantación deste selo de calidade turística.



