Este verán volve a Festa Hortera de Porto do Son e volven as homenaxes ás divas que inspiraron as múltiples vertentes do movemento charramangueiro. Desta volta, renderase tributo á cantante María Jiménez, finada en 2023 (logo de medio século de actividade musical), icona da canción española e do flamenco e Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes. Así o confirmou nas redes sociais a organización da festa sonense, engadindo que Jiménez “foi unha muller valente, apoderada, adiantada á súa época e, por suposto, única”.
A Festa Hortera de Porto do Son celebrarase novamente na primeira fin de semana de agosto. Os días vindeiros daranse a coñecer máis detalles da axenda (con importantes novidades en materia de concertos, aínda que todo apunta a que se manterán e potenciarán algúns dos grandes elementos do programa, como os concursos, os baños de escuma e os fogos de artificio). Unha vez máis, a celebración será o principal marco de referencia da vertente charramangueira que todas e todos, en maior ou menor medida, levamos dentro. A Festa Hortera conta coa colaboración do Concello.




