O grupo do Partido Popular na Deputación da Coruña presentou unha moción na que insta ao delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, a manter un encontro cos voceiros provinciais e cos alcaldes e alcaldesas da provincia da Coruña a fin de explicar con detalle a situación actual e o horizonte a medio prazo da Garda Civil e do seu despregamento e cobertura na provincia.
O portavoz popular, Evaristo Ben, recordou que, hai unhas semanas, o pleno da Deputación aprobou unha modificación orzamentaria que contemplaba, aínda que sen concretar, unha achega para a Garda Civil. “O feito de que unha deputación consigne crédito relacionado coa seguridade pública, e cun corpo e función de indubidable competencia estatal, confirma a sensación crecente de que tan benemérito corpo padece unha grave falta de financiación por parte do Ministerio do Interior”, apuntou Ben.
Neste sentido, o popular explicou que aínda que este non sexa propiamente un asunto de competencia xurídica da Deputación, si o é da política incumbencia. “Non podemos esquecer que desde un punto de vista estritamente provincial os intereses da nosa provincia e o desenvolvemento económico e social na mesma dependen, en boa parte do territorio, da premisa da seguridade pública que asegura, non sen dificultades e con moito mérito, a Guarda Civil”, dixo Ben.

Con todo isto, e malia que a interlocución e a coordinación das institucións representativas coa Garda Civil se artella especialmente no eido local, a e tal fin responde a regulación normativa das Xuntas Locais de Seguridade, os populares consideran que a Deputación non debe quedar á marxe dunha interlocución de ámbito provincial na que poidan participar tamén os alcaldes
dos 93 concellos amparados pola Comandancia provincial de A Coruña.
Voto en contra de PSOE e BNG
No pleno, os grupos do PSOE e do BNG votaron en contra do texto presentado polos populares, alegando que a reunión debería producirse só cos voceiros provinciais de cada partido, deixando así de lado aos alcaldes da provincia.
De feito, o voto de calidade do presidente provincia, tras votar Alternativa dos Veciños a favor da proposta do PP, provocou que a moción fose rexeitada finalmente.



