
A Deputación da Coruña apoia con 117.681 euros a actividade de 28 comunidades de montes veciñais de man común da provincia e dúas asociacións sen ánimo de lucro do ámbito forestal. Boa parte das beneficiarias atópanse na nosa comarca: en Boiro, Rianxo, Lousame, Porto do Son Muros, Padrón e Rois, entre outros concellos.
A resolución da liña de axudas para investimentos publícouse xa no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e subvenciona accións como a repoboación forestal con especies autóctonas, accións de prevención de incendios e limpezas, melloras e arranxos de camiños e pistas forestais. As axudas van dos 1.000 aos 8.000 euros por entidade en función do tipo de acción solicitada.
A deputada responsábel da área de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán Cancelo, destacou que este programa apoia o importante traballo que desenvolven as comunidades de montes de man común na provincia “tanto no aspecto medioambiental como no aproveitamento dos recursos forestais e agrograndeiros, que xeran riqueza e emprego no noso rural”.
“Falamos de actividades importantes, como a limpeza do monte ou a repoboación forestal, que contribúen á prevención dos incendios forestais e que axudan a manter a biodiversidade, a produtividade e a capacidade de rexeneración dos nosos montes”, afirmou a deputada.



