
A paixón polas motos volverá sentirse en Rianxo cunha nova edición (a número XV) da Concentración Moteira promovida pola asociación Jas A Tope en colaboración co Concello. Desde este venres 31 de maio, así como o 1 e o 2 de xuño, haberá música, actividades para todos e todas e, por suposto, moitas motos. O alcalde Julián Bustelo presentou a pasada semana a axenda da Concentración Moteria, na alameda de Rianxo e acompañado dos responsábeis da asociación organizadora.
Respecto da axenda de actividades, darán comezo o venres 31 de maio ás 19.00 horas coa apertura de inscricións (con pinchos e bebidas), coa cea colectiva das 22.00 horas, seguida dunha gran queimada e dun concerto de rock coa banda da nosa comarca Leite con Jalletas e DJ Fredy.
O sábado o programa arrincará cun almorzo ás 10.00 horas seguido cunha sesión de vermú moteiro e dunha nova actuación do DJ Fredy. Ás 13.00 horas haberá mexilloada e xantar (con sorteo de xamón). Ás 17.45 farase unha homenaxe aos moteiros e moteiras falecidos/as e unha ofrenda á Virxe da Guadalupe. Logo farase unha roteiro por Rianxo e polo serán (ás 20.00 horas) está previsto que actúen The Cuncas na carpa habilitada. Pola noite haberá cea, sorteo de xamón e entrega de diplomas. As 0.00 está prevista unha ruta nocturna polo centro histórico de Rianxo e unha verbena con Chocolate Disco Móbil.
As actividades rematarán ao día seguinte cun almorzo, unha ruta con pichada, xantar, sorteo de agasallos, despedida e fin das actividades.




