O candidato do PSdeG ao Parlamento Europeo, Nicolás González Casares, criticou en Boiro este martes 21 de maio a actitude da Xunta en relación á “drástica caída da produción marisqueira nas rías galegas”. O responsábel socialista mantivo unha xuntanza en Boiro para analizar a situación concreta das rías de Arousa e Noia, onde cualificou de “desleixo” o proceder do Executivo galego e dixo que “a Xunta non quere saber nada do que está ocorrendo”. Tamén acusou ao Goberno autonómico de renunciar a propoñer respostas. Amais, dixo que “a Comisión Europea ten recoñecido que durante os cinco anos que durou a lexislatura o Goberno galego non presentou ningún tipo de iniciativa nin pediu financiamento para realizar ningún tipo de estudo ou investigación para saber o que estaba ocorrendo”. Engadiu que “pola contra os socialistas europeos, da man do propio González Casares, puxéronse en contacto coa dirección xeral do Mar da Comisión Europea e o Centro de Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial -CDTI- do Ministerio de Ciencia para poñer en marcha un programa de investigación con cargo a fondos europeos que explique as causas da caída da produción en Arousa”.
Anunciou que “os socialistas galegos seguiremos traballando dende Europa cos axentes da ría para ter un diagnóstico claro das causas da elevada mortaldade dos bivalvos, que no caso da ría de Muros – Noia foi do 77 por cento en especies coma o berberecho”. Sinalou tamén que “dende que o PP goberna na Xunta, o número de afiliados ao réxime do mar caeu un 21,3 por cento, con 5.266 traballadores menos, e as licencias de marisqueo a pé reducíronse un 17,6 por cento”.




