A eurodeputada do BNG e candidata ás eleccións europeas, Ana Miranda, estivo este domingo 19 de maio en Muros onde destacou a relevancia de que “o Bloque volva ter presenza no Parlamento Europeo para toda a costa galega”, xa que, segundo afirmou, esta presenza “é a garantía de defender o noso sector pesqueiro, de defender a seguridade marítima e defendernos contra a contaminación que poida vir de mareas negras ou mareas brancas”.

Na súa opinión, “que o BNG estivera en Bruxelas foi a proba de que sempre levamos ao sector cando fixo falta e se fai falla levaremos unha patela na cabeza para levar de novo os problemas do noso país, para defender o dereito a producir e a vivir na nosa terra”, sinalou durante a súa visita a Muros, na que tamén participaron os candidatos 2 e 4 ás eleccións europeas, Bieito Lobeira e Rogelio Santos Queiruga, respectivamente, e a alcaldesa María Lago.
Na súa intervención, Ana Miranda destacou tamén que “grazas ás propostas do Bloque mellorou a seguridade do transporte marítimo cando leva sustancias contaminantes como os pélets, de forma que vai agora ser tido en conta e acadamos que cando haxa un accidente, funcionen as alertas e os plans anticontaminacion por parte do Gobernos”.
Lembrou ademais “cando a alcaldesa María Lago viaxou a Estrasburgo, en xaneiro deste ano, para analizar nas institucións europeas as consecuencias do vertido de granulados plásticos” e engadiu que “xa abonda que a costa galega sufra vertuidos chegados do resto de Europa! Non somos un vertedoiro!”, manifestou a eurodeputada do Bloque.
Fronte aos lobis
“O BNG aspira a voltar ao Parlamento Europeo pois na Union Europea decídense cousas moi importante que afectan á nosa vida diaria, e temos que ter voz propia, voz galega en Europa para falar do noso”, destacou Ana Miranda, ao tempo que fixo referencia a Altri. “Defendemos os intereses do Pobo galego fronte aos lobis que buscan espoliar os nosos recursos e que os fondos europeos non se malgasten, como está facendo o PP con Altri”, dixo ao respecto, enviando un saúdo ao integrante da candidatura europea, “Fernando de Santiso e o noso alcalde, que están librando unha colosal batalla contra esa macrocelulosa”.



