Este sábado temos no Vilar (Araño, Rianxo) unha cita coa cultura tradicional galega nas súas variadas manifestacións: a romaría Namórate da aldea, posposta dende a súa data orixinal (o 27 e abril) por mor do mal tempo e finalmente convocada para a gran fin de semana das Letras Galegas, concretamente para o sábado 18 de maio. Será, en palabras da organización, “unha fantástica programación para toda a familia”.
Trátase dunha actividade organizada pola Asociación Cultural A Carballeira de Baia, a Asociación de Veciños do Araño e a Asociación Cultural A Ermida de Xoán, coa colaboración do Concello de Rianxo e a Deputación da Coruña.
As actividades comezarán ás 17.00 horas cunha andaina dende A Ermida (Buía). Serán 2,5 quilómetros de ruta de dificultade media.
Ás 16.30 horas haberá xogos populares para a rapazada (chave, petanca, bolos) e unha xincana entre aldeas.
Ás 17.30 horas haberá unha sesión de teatro infantil co cociñeiro Antón e a pasteleira Tomasa.
Tamén está previsto un obradoiro de cociña para a elaboración de brochetas con froitas e chocolate. Haberá merenda e chocolatada.
Ás 19.00 haberá unha proxección (Cine na aldea) para todos os públicos, e repartiranse flocos de millo (palomitas).




