O Concello de Porto do Son vai celebrar con música tradicional o Día das Letras Galegas, este 17 de maio, adicado á poeta coruñesa Luísa Villalta. Así, ademais das mancheas de actividades conmemorativas que se están a desenvolver estes días nos centros educativos do municipio, a Área de Cultura do Concello organizou un concerto de Banda de Música Tradicional Suevia, na Casa da Cultura de Porto do Son a partir das 20.00 horas. A cita musical con Suevia (prestixiosa agrupación local de música galega) complementarase coa actuación da Coral Polifónica de Noia.

A maiores, a Casa da Cultura acolle este domingo 19 de maio a presentación do libro Ouveos fractais, da escritora local Patricia Torrado Queiruga, que estará acompañada na cita literaria pola arpista Clara Pino, e tamén pola secretaria da Asociación Cultural Barbantia, Milagros Torrado. A presentación, organizada por Barbantia e o Concello sonense, dará comezo ás 19.00 horas. Patricia Torrado Queiruga, nada en Porto do Son en 1987, é unha escritora, xornalista e museóloga galega, ademais de experta en conservación e restauración do patrimonio e activista cultural. En 2020 gañou o Certame Manuel Murguía de narracións breves co relato Silencios náufragos. En decembro de 2020 obtivo o primeiro premio no III Certame de Poesía Torre de Caldaloba coa obra Herdar a fala.




