
A delegada da Xunta, Belén do Campo, realizou este luns 6 de maio unha visita institucional ao concello de Lousame, onde se reuniu coa alcaldesa, Teresa Villaverde. Foi un encontro no que repasaron os proxectos que ten actualmente en marcha a Xunta neste municipio e no que tamén participaron o concelleiro de Economía, Esteban Ares; o concelleiro de Obras Públicas, Ramón Martínez; e a concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo.

A representante do Goberno autonómico lembrou que, no 2023, a Xunta investiu máis dun millón de euros en Lousame a través das distintas liñas de axudas e realizou importantes obras como a renovación do CPI Cernadas de Castro, por un importe de preto de 600.000 euros. Engadiu que “para este ano están previstas xa actuacións por máis dun millón de euros, entre as que figura o convenio de colaboración coa Secretaria Xeral para o Deporte para a reforma dos vestiarios do campo de fútbol”. Tamén apuntou que o pasado mes de febreiro a Xunta licitou por 952.000 euros as obras de construción dunha nova depuradora e que dotará de servizo de saneamento e depuración de augas residuais a distintos núcleos da parroquia de San Xoán de Lousame que na actualidade non contan cun sistema axeitado. Segundo confirmou, esta actuación beneficiará a un total de 382 veciños de Devesa, A Silva, Berrimes, As Quintáns, A Costa e tamén parte do núcleo de Cruído, así como a instalacións como o polideportivo e a piscina municipais e o CPI Cernadas de Castro. Para facelo realidade, executarase unha rede de saneamento que recollerá as augas residuais destes núcleos para conducilas cara a unha nova depuradora, que se construirá na zona do rego Pesqueira, nunha parcela proposta polo Concello, sinalou.

Belén do Campo detallou que as obras consistirán na construción dun colector na marxe esquerda da estrada provincial (DP-4201), na intersección de Cruído, e outro na zona do Campo de Fútbol da Silva. Tamén se executará un pozo de bombeo na Costa, que recollerá as augas residuais de 3 destes núcleos (Berrimes, As Quintáns e A Costa), impulsándoas cara ao colector nesa zona para logo levalas á nova depuradora. Esta ETAP estará dotada con pretratamento, decantación primaria e secundaria, medida de caudal de auga tratada e bypass que permitirá o alivio na arqueta de entrada, sinalou a delegada.
As dúas representantes públicas coincidiron na necesidade de “seguir reforzando os vínculos locais para contribuír ao desenvolvemento sustentábel das comunidades galegas”.
Belén do Campo e Teresa Villaverde analizaron as necesidades do concello e comprobaron o resultado de distintas actuacións enmarcadas no ámbito de colaboración da Xunta cos concellos.



