
O alumnado do Obradoiro de Emprego medioambiental Torre Goiáns III do Concello de Boiro participou nunha xornada práctica de prevención de incendios forestais en colaboración co Distrito IV.
A xornada comezou cunha charla de comunicacións onde o alumnado puido coñecer os diferentes tipos de aparellos integrados dentro da rede de emerxencias, os protocolos de funcionamento das emisoras aéreas e terrestres e o xeito de comunicarse nun incendio forestal. A xornada formativa continuou na explanada do Centro de Formación e Viveiro de Empresas, en Espiñeira, cun simulacro de lume coa axuda do material do Distrito IV.

Lembrar que a formación do Obradoiro de Emprego está dividida en dúas especialidades con 10 alumnos/as en cada unha. Por unha banda a especialidade de Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e, pola outra, Repoboacións forestais e tratamentos silvícolas. O alumnado recibe formación teórica e tamén práctica en espazos naturais do Concello de Boiro ao contar cun contrato de traballo para a formación e aprendizaxe a tempo completo de 40 horas semanais.
O Obradoiro de Emprego medioambiental Torre Goiáns III do Concello de Boiro lévase a cabo mediante unha subvención de 531.046,20 euros da Xunta de Galicia para a realización de obradoiros de emprego da comunidade autónoma.



