
O Concello de Boiro e a Policía Local, xunto coa comunidade educativas do CEIP Santa Baia, o CEIP Praia Xardín e o IES Praia Barraña realizaron este 24 de abril unha xornada promocional do Camiño Escolar Seguro. Na actividade participaron o alcalde, José Ramón Romero, e a concelleira de Ensino, Carmen Silva. Este camiño ten como obxectivo “mellorar a seguridade do alumnado e familias que se desprazan a pe aos centros educativos da avenida de Compostela e promover este hábito saudábel”.
Segundo explicou o rexedor, “nestes últimos anos traballamos para mellorar a seguridade viaria do centro urbano, aplicando medidas para reducir a velocidade, especialmente nos tramos escolares, mellorando beirarrúas, sinalizando e mellorando a visibilidade dos pasos de peóns… de maneira que se poida chegar dende calquera punto aos centros de ensino sen perigos”.

A xornada contou coa presenza do alumnado, profesorado e ANPAS dos centros para facer unha simulación do percorrido ao cole e fixar os puntos de encontro. “A participación nesta xornada foi moi boa e queremos que se vaian sumando rapaces e familias para que o vindeiro curso funcione xa este camiño escolar seguro aos coles”, afirmou a concelleira de Ensino, Carmen Silva.
Pola súa banda, o director CEIP Santa Baia, Gustavo Romero, sinalou que “esta iniciativa pretende fomentar a realización do traxecto de forma máis segura, favorecendo a sociabilización e a saúde física do alumnado, ademais de contribuír a unha vila máis sostíbel reducindo o número de vehículos que fan o traxecto dos centros cada día”.



