A Casa da Cultura de Boiro acolle este venres ás 21.00 horas a representación do espectáculo de humor Apaga o candil, a cargo do escritor, actor e director teatral Cándido Pazó. Trátase dunha peza producida por Contraproducións e o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo para público adulto na que o autor recoñece a figura e o legado de Carlos “O Xestal” a través dun achegamento á vida e á obra do insigne e sobranceiro narrador oral, carballés de adopción, músico, humorista e contador de contos, amais de ser o gran precursor das e dos monologuistas actuais do panorama escénico galego.



