
É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de investimento. Así o entenden unha parte importante do noso gobernante da Xunta de Galicia.
Ao longo de todos estes anos, nos diferentes gobernos da Xunta de Galicia moi poucos avances producíronse en favor do cumprimento real do artigo 47 da Constitución. Certo é, e xusto é recoñecelo, de que se adoptaron algunhas medidas, tendentes a subvencionar ou axudar economicamente aos propietarios de bens inmobles así como o bono mensual ao alugueiro para as familias vulnerables que teñan contratos de arrendamento de vivendas habituais. Púxose en marcha un “programa de vivendas baleiras” pero non deu os resultados esperados, quizais pola falta de compromiso da maioría de propietarios, que desexan establecer libremente os seus prezos, e a apatía de certas corporacións locais, que non ven prioritario o dereito fundamental do acceso á vivenda, ben sexa en propiedade ou alugueiro.
Galicia, como comunidade histórica, tería que sopesar a posibilidade de poder contar cunha Lei de Vivenda, co correspondente regulamento, como sucede noutras comunidades autónomas como Euskadi ou Catalunya. A vivenda tería que considerarse como un piar fundamental do estado de dereito e do benestar. Sen vivenda, unha persoa ou familia, sofre unha absoluta exclusión social. Non pode ter un traballo estable, sufrirá problemas de saúde, de educación, en definitiva unha evidente situación de vulnerabilidade, por iso é polo que se necesitan adoptar medida integrais para liquidar este tipo de situacións para todas as persoas sen fogar. As diferentes administracións públicas son as máximas responsables, non esquezamos que a Xunta de Galicia ten as competencias en materia de vivenda e non pode continuar mirando para outro lado. É cuestión de vontade política.



