Este xoves celébrase na ABE a edición especial (do décimo aniversario) de Fálame Sempre

17 Abril 2024

Este xoves celébrase en Boiro o 10 aniversario da iniciativa Fálame Sempre, impulsada pola patronal local, a ABE. Será ás 20:30 horas no salón de actos da ABE. Trátase da edición especial e conmemorativa dun dos eventos “máis agardados na programación anual da asociación”.

Fálame Sempre é unha palestra de experiencias innovadoras con empresas creativas que se celebra con formato de encontro pecha kucha.

O evento incluirá novamente charlas miúdas, directas e concisas de 6 minutos de duración (formato da metodoloxía pecha kucha, que tamén inclúe a presentación de 20 imaxes proxectadas cada 20 segundos). Presentaranse 5 iniciativas. Os seus responsábeis explicarán ao público cal é a fórmula para servir de inspiración a empresarios, emprendedores e demais asistentes ao evento.

Na edición deste ano acompañarán a ABE as seguintes contribucións innovadoras:

Revenidas Vilaxoán

O Festival Revenidas naceu a partir dunha festa popular que se celebraba na vila mariñeira de Vilaxoán, na que os veciños compartían e degustaban un dos froitos máis cobizados do seu traballo: as sardiñas asadas, que neste lugar chámanse, precisamente, revenidas. De aí toma o nome o festival.

Quinteiro Doce

Produtos artesáns con cultura e arte do país para papar ti ou para agasallar a quen ben queres e distribuídos a través do comercio local galego.

Triángulo de Amor Bizarro

O grupo con base en Barbanza toma o seu nome da canción Bizarre Love Triangle do grupo británico New Order. En 2007 fichan polo selo Mushroom Pillow e gravan o seu primeiro disco, Triángulo de Amor Bizarro. Na actualidade contan con 7 LP e numerosos singles es son unha das bandas de referencia no panorama indie nacional.

Charlatana

Charlatana é un novo espazo galego de creación, produción e distribución propia que integra diversas disciplinas artísticas: circo, música, teatro infantil e contos. Charlatana nace para crear un espazo de cooperación no que conflúan diversas propostas artísticas onde o obxectivo común é “divertir e educar”. A través do humor, o espírito crítico, e o debate en escena, Charlatana xera espectáculos que integran valores como a igualdade, a cooperación, a reciclaxe e a cultura e lingua galegas. Tres compañías configuran este proxecto: Tropa de Trapo, Peter Punk Pallaso e Blues do País.

Antón Riveiro Coello

Antón Riveiro Coello (Xinzo de Limia, 1964) é un dos autores de máis prestixio da narrativa galega actual e, entre a súa obra, traducida a varias linguas, destaca Valquiria (1996), Premio Camilo José Cela; Parque Central e outros relatos (1996); A historia de Chicho Antela (1997); A quinta de Saler (Galaxia, 1999), Finalista Premio Torrente Ballester; Animalia (Galaxia, 1999), Premio Café Dublín; As rulas de Bakunin (Galaxia, 2000), Premio García Barros; Homónima (Galaxia, 2001), Premio Álvaro Cunqueiro; Cartafol do Barbanza (2002); A esfinxe de amaranto (Galaxia, 2003); Limaiaé (2005); Casas Baratas (Galaxia, 2005); A voz do lago (Galaxia, 2007), Os ollos de K (Galaxia, 2007), Finalista Premio Novela Europea Casino de Santiago; As pantasmas de auga (2010); Laura no deserto (Galaxia, 2011), Premio da Crítica Española, Premio de Narrativa da AELG e Premio Frei Martín Sarmiento; Acordes náufragos (Galaxia, 2013); Os elefantes de Sokúrov (Galaxia, 2015), Premio Fervenzas Literarias; A ferida do vento (Galaxia, 2016), Premio Frei Martín Sarmiento; Á sombra dos bonsais (Galaxia, 2017); e O paraiso dos inocentes, Premio Torrente Ballester 2019 (Galaxia,2020).

Edición especial 10º aniversario

Con motivo do 10º aniversario do evento proxectarase un vídeo retrospectivo e presentarase unha publicación conmemorativa na que se recopila a información de todos os convidados. Ademais o público que asista ao acto recibirá unha bolsa coa publicación e diverso merchandising conmemorativo do evento. A ABE lembra que a entrada é libre e gratuíta pero que é preciso reservar asento xa que o aforo limitase a 80 butacas do salón de actos da ABE onde ao remate servirase un pincho.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión