
O vindeiro 27 de abril a parroquia do Araño (Rianxo) volve estar de festa grazas ao incansábel labor da Asociación de Veciños e Veciñas do Araño e a Asociación A Ermida de Xoán e grazas tamén á súa determinación de “crear actividades culturais e de lecer en todos os recunchos posíbeis da parroquia”, “recoñecendo a importancia dos lugares pequenos e facendo á veciñanza consciente deles”.
Estamos a falar do festival cultural Namórate da aldea, que se celebra este 27 de abril, finalmente, logo de que a organización do evento se vise obrigada a adialo por mor da chuvia o pasado 6 de abril. A cita conta coa colaboración do Concello de Rianxo e a Deputación da Coruña.
As actividades comezarán ás 17.00 horas cunha andaina dende A Ermida (Buía). Serán 2,5 quilómetros de ruta de dificultade media.
Ás 16.30 horas haberá xogos populares para a rapazada (chave, petanca, bolos) e unha xincana entre aldeas.
Ás 17.30 horas haberá unha sesión de teatro infantil co cociñeiro Antón e a pasteleira Tomasa.
Tamén está previsto un obradoiro de cociña para a elaboración de brochetas con froitas e chocolate. Haberá merenda e chocolatada.
Ás 19.00 haberá unha proxección (Cine na aldea) para todos os públicos, e repartiranse flocos de millo (palomitas).
Romaría do Bandullo
A maiores, o vindeiro domingo 28 de maio celebrarase no Araño, a III edición da Romaría do Bandullo, desta volta adicada ao polbo e ao churrasco, da man de Pulpería Mera. Como novidade, este ano non será preciso facer reserva previa. Antes do xantar, contarase cunha sesión vermú amenizada polo grupo The Cuncas, o cal voltará actuar ás 17.30 horas.
Outras actividades das que se poderá desfrutar son os xa clásicos, xogos populares, bingo e karaoke. “Todo isto no incomparábel marco da carballeira onde tamén estará situado un mercado de artesanía”, informou a organización.



