O Concello de Ribeira levou a cabo novas melloras nas infraestruturas públicas das diferentes parroquias. Entre os traballos desenvolvidos este mes de abril atópanse os dirixidos a mellorar a estrutura da pista multideporte no Parque de Fonte Ramil, en Castiñeiras. En concreto, as tarefas diríxense a arranxar a unión dos compoñentes metálicos que conforman a estrutura, co propósito de garantir a seguridade, a durabilidade e a funcionalidade da instalación.

Ademais, os operarios levaron a cabo traballos de mantemento do alumeado público para garantir o óptimo funcionamento da rede municipal de farois. As tarefas inclúen a inspección periódica das luces, a reparación ou substitución de compoñentes defectuosos, a limpeza de luminarias e a optimización da distribución da luz para evitar as zonas pouco iluminadas que poidan supoñer un risco para a seguridade cidadá. “A iluminación pública é un elemento crucial nas infraestruturas urbanas, xa que xoga un papel fundamental na creación de entornos urbanos seguros e funcionais”, sinalaron dende o Concello.




