
O Auditorio de Rianxo vai acoller este sábado 13 de abril a presentación do libro Natureza, camiños, emocións de Xosé Manuel Lobato. Trátase dunha actividade enmarcada no programa Primavera Cultural do Concello. Acompañarán ao autor, Xosé Ricardo Losada (escritor e profesor) e Julio Alcalde Hermo (concelleiro de Educación e Cultura). O acto dará comezo ás 20.30 horas.
Natureza, camiños, emocións é un conxunto de pequenos relatos independentes no que o autor toma como instrumento a natureza para divagar con gran beleza sobre aspectos moi dispares da vida cotiá convertendo as súas narracións en auténticas historias. O libro consta de 94 páxinas e está editado por Fervenza.
Xosé Manuel Lobato é un escritor de Lestedo (Boqueixón). Doutor en Filosofía e Ciencias da Educación e licenciado en Pedagoxía e diplomado en Maxisterio, é profesor de matemáticas no IES Félix Muriel de Rianxo.


