
O salón de actos do Auditorio de Rianxo vai dar acollida este mes de abril á presentación do libro Aqueles Corpos Nosos, de Adrián Gómez Ramos (Rianxo 1994), editado por Xerais. Será o venres 19 ás 20.30 horas. No acto, ademais do autor, estará presente Sara Vila Alonso (escritora e xefa de comunicación da Editorial Xerais) e Julio Alcalde Hermo (concelleiro da Área de Educación e Cultura do Concello de Rianxo).
Ficha do libro (Xerais)
Todos os actos teñen consecuencias. Fernán e Xandre Malvís buscan recuperar a normalidade nas súas vidas e sandar as cicatrices inflixidas polo enfrontamento cos irmáns Garrido.
A cidade, pola contra, non esquecerá con tanta facilidade o conflito entre as dúas familias, e as fauces de Compostela escolleron unha nova vítima.
Os Malvís terán que facer uso de todo o seu coñecemento do mundo sobrenatural para resolver a desaparición de Sandra Valverde antes de que o seu corpo se engada á lista de necrolóxicas. Polo camiño farán fronte a unha pregunta que o cambiará todo: ata onde están dispostos a chegar para protexer o que queren?
Logo do éxito de Cando sangren os lobos (I Premio Xuventude Crea de Novela Curta), Adrián Gómez Ramos regresa á escrita coa segunda parte da dita novela xuvenil, Aqueles corpos nosos.




