
Trala presentación pública do proxecto que tivo lugar o pasado xoves 4 de abril no Consistorio de Rianxo, o Laboratorio Ecosocial do Barbanza convoca a primeira xornada de voluntariado nos montes do Barbanza para a eliminación de especies exóticas invasoras e a plantación de frondosas autóctonas. A actividade marca o inicio dun ciclo de xeiras de participación cidadá que se celebrarán nos montes da nosa comarca da man da Fundación Montescola, entidade a cargo das actividades de prospectiva comunitaria, voluntariado e educación medioambiental do Laboratorio, que teñen como obxectivo “implicar a veciñanza na recuperación da biodiversidade e fortalecer as redes colaborativas da comunidade”.
Esta primeira acción terá lugar na mañá do domingo 14 de abril en Froxán (Lousame), e centrarase na eliminación de acacias e a plantación de pradairos. Aberta a todos os públicos e idades, a actividade supón, en palabras das entidades impulsoras, “unha oportunidade para aprender a descascar acacia e participar na plantación de medio cento de pradairos nunha zona na que Montescola vén traballando nos últimos anos para eliminar especies invasoras e recuperar a biodiversidade”.
As persoas interesadas poderanse inscribir na actividade enviando un correo electrónico a info@montescola.org antes do venres 12. Ao rematar os traballos ofrecerase o tradicional xantar de albaroque.
Apoio
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
Máis información a través do correo electrónico info@barbanzaecosocial.org ou no 722 413 315



