CONGALSA, empresa especializada en alimentación con sede na Pobra do Caramiñal, vén de entrar no accionariado da firma centrada en restauración de alta gama Yatecomeré, empresa nada en Galicia e que se trasladou posteriormente a Asturias, ao municipio asturiano de Morcín, onde ten a súa sede. Ata alí desprazáronse na mañá deste venres 5 de abril Luis Miguel Simarro, presidente de Corporación Empresarial CONGALSA, e Julio Simarro, conselleiro delegado de Corporación Empresarial CONGALSA, para rubricar a adquisición dunha parte deste negocio fundado hai 15 anos.

“Nestes tres lustros, Yatecomeré fíxose un oco entre os grandes da hostalería organizada e restauración de alta gama ao proporcionar solucións de calidade entre as que destacan unha ampla variedade de referencias que poden axudar a fortalecer o catálogo de produtos de CONGALSA con propostas gastronómicas de alta calidade, principalmente dirixidas ao sector HORECA”, sinalou Luis Miguel Simarro durante o acto.
Asentada no Polígono Industrial de Argame, no municipio de Morcín, en Yatecomeré elabóranse “deliciosos produtos tales como croquetas elaboradas con leite e manteiga fresca; ensalada rusa e diferentes solucións de carnes preparadas tipo american pulled pork, cochinita pibil, tinga de polo e outras variedades que facilitan que os hosteleiros poidan ofrecer receitas con produtos artesanais ligados a diferentes ramas culinarias tradicionais, temáticas ou, mesmo étnicas”, comentou o presidente de CONGALSA, tras a sinatura de do acordo celebrada este venres 5 de abril.

Datos económicos
A planta de Yatecomeré, na que se investiron máis de tres millóns de euros a finais de 2018, conta con 3.000 metros cadrados e nela desempeñan a súa actividade profesional 40 persoas. Ao termo de 2023, a compañía rexistrou unha facturación de 4,5 millóns de euros.
Coa entrada no accionariado desta firma asturiana, CONGALSA continúa fortalecendo o seu proxecto para poder achegar sinerxías aos seus actuais clientes ofrecéndolles unha nova gama complementaria. O novo catálogo orientarase tanto á canle de hostalería, como ao sector retallista e a comida lista para levar.
Os socios fundadores, Arturo Navas e David Fernández, seguirán ligados ao proxecto para potenciar de forma conxunta o negocio xunto aos directivos de CONGALSA.


