
O alumnado dos centros de ensino de Boiro está a recibir nas aulas formación destinada a previr o acoso escolar mediante o proxecto En(clave) de educación e saúde integral que o Concello impulsou nos centros de ensino do municipio. Os obradoiros leváronse a cabo nos cursos de 5º e 6º de primaria e 1º e 2º da ESO dos seis CEIPS e tres IES do municipio.
O programa de intervención socio-educativa, nomeado Detección, prevención e intervención do acoso escolar e desenvolvido por Exeria, inclúe actividades baseadas na interacción e dinamización para abordar o acoso escolar a través das súas características, consecuencias e alternativas para valorar as necesidades atopadas en cada un dos grupos e aportar ferramentas para poder empregar na aula.
En total desenvolvéronse catro sesións con cada grupo traballando sobre accións específicas. A primeira das sesións estivo centrada en coñecer as características que poden ter as persoas que acosan, as vítimas e os espectadores para traballar a detección e identificación dos distintos roles.
A segunda das sesións estivo centrada en reflexionar sobre os tipos de acoso a través do conto e os métodos preventivos.

A terceira das sesións tivo como finalidade facer partícipe ao propio alumnado da importancia da concienciación sobre o acoso e situacións que non se poden permitir e a última das sesións estivo enfocada en traballar as principais demandas e necesidades específicas de cada grupo.
O proxecto En(clave) do Concello de Boiro naceu no curso 2021-2022 para dar resposta ás demandas da comunidade educativa da necesidade de traballar accións relacionadas coa promoción social da igualdade de xénero, a resolución de conflitos e a saúde mental, nun escenario social provocado pola crise sanitaria. O programa traballa tres áreas fundamentais que son a igualdade para a prevención do acoso escolar, a cuestión de xénero e a diversidade; o manexo de emocións; e a saúde e benestar con actividades e formación nas aulas.



