
As entidades ecoloxistas da nosa terra veñen de propoñer que se impulse nos concellos da ribeira do río Ulla unha declaración institucional que garanta os dereitos do curso fluvial semellante á que se vén de aplicar en Outes co río Tins. Detrás desta proposta atópanse Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace . Con esta declaración as organizacións ecoloxistas pretenden avanzar “na protección ambiental do Ulla, un río que abastece de auga a numerosos concellos ribereños e que é refuxio natural para aves e múltiples especies ligadas aos ecosistemas acuáticos”.
A proposta
Para “manter vivo o río Ulla e defendelo das constantes agresións ambientais e ameazas de proxectos contaminantes”, Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace veñen de solicitar aos concellos da ribeira do Ulla que presenten para a aprobación nos seus plenos municipais unha Declaración institucional dos dereitos do río Ulla e dos compromisos da súa comunidade ribeirá. As organizacións ecoloxistas sinalan que o río Ulla debe ter dereito á protección, conservación e restauración dos seus ecosistemas, mediante os instrumentos de planificación e ordenación do territorio dispoñíbeis, para continuar dando vida e benestar ás comunidades humanas e non-humanas que vertebra e acolle.
Segundo lembran, na última década “ten gañado moito peso o recoñecemento dos dereitos da natureza, establecendo dereitos intrínsecos asociados a diversos ecosistemas”. Máis de trinta países teñen adoptado instrumentos lexislativos para o seu recoñecemento, en moitos casos referidos a cursos fluviais como o río Whanganui en Nova Zelandia, o río Ganxes na India, o río Buriganga en Bangladesh ou o río Atrato en Colombia. No caso do Estado español, a Lei 19/2022, do 30 de setembro, para o recoñecemento de personalidade xurídica á lagoa do Mar Menor e a súa conca, recoñeceu por primeira vez en Europa un ecosistema como suxeito de dereitos e non só obxecto de protección do ordenamento xurídico. Tamén lembran que “recentemente foi en Galiza o Concello de Outes quen realizou unha declaración institucional dos dereitos do río Tins, o primeiro curso fluvial con dereitos no estado español”.
As ONGs ambientalistas afirman que “o Ulla é un dos ríos máis importantes e mellor conservados de Galicia, sendo un elemento vertebrador do territorio de tres das catro provincias galegas e configurador da paisaxe”. Ademais, sinalan, “a importancia histórica dos usos tradicionais de rega, abastecemento, moenda e pesca súmase a súa importancia contemporánea para o lecer, celebración e deporte, así como para camiñar cara a unha explotación sustentábel dos recursos non só nas comarcas do interior, senón tamén na ría de Arousa. Igualmente, salientan que o río Ulla e os seus bosques de ribeira asociados son un refuxio natural para aves e múltiples especies acuáticas, moitas de interese comunitario, incluíndo especies ameazadas que teñen nel un hábitat insustituíbel e fundamental para manter o equilibrio ecolóxico do país”.



