Na ría da Estrela (ría de Muros e Noia) prepararon estes días até os máis miúdos detalles para recibir aos visitantes de Semana Santa. “Aqueles que buscan historia, contorna, gastronomía, atoparano neste roteiro que axunta os concellos de Lousame, Muros, Noia, Porto do Son e Outes”, sinalan os municipios da mancomunidade de Muros e Noia, describindo deste xeito os tesouros da comarca e achegando unha proposta de plan de viaxe para que ninguén deses tesouros quede por desvelar: “Muros, mariñeira e sobria, onde polas súas rúas medievais aínda se respira ese cheiro a sal; Noia, Portus Apostoli, cidade cun eminente carácter histórico e señorial; e que dicir de Outes, enigmática cos seus petróglifos e outros elementos megalíticos de inestimable valor, que é unha visita obrigada xunto co seu roteiro a pé ou virtual dos carpinteiros que mostra o seu pasado vinculado a pequenos estaleiros e serradoiros; ou Lousame, testemuña dun pasado industrial que converteu á ría nun punto de partida sólido e que hoxe conserva ese legado como un tesouro (por exemplo o Museo Mineiro de San Finx, que se pode visitar chamando previamente ao tel. 981 820 499); Porto do Son, asomado ao mar moito antes de que as historias se plasmasen en papel para contar todo o seu legado natural e verde que culmina en Castro Baroña, cuxa visita é necesaria para entender a ría da Estrela, ademais conta cun centro de interpretación, situado un edificio singular do século XIX (antigo concello) do centro histórico desta vila mariñeira”.

A mancomunidade tamén pon o foco noutros tesouros como a Ponte Nafonso, o esteiro do río Tambre (que nos conducirá ata a súa Central Hidroeléctrica) ou museos como o Centro de Interpretación dos Muíños “Pozo do Cachón”, un dos maiores muíños de mareas de España, construído no s. XIX e situado en Muros (hai que reservar previamente no Concello); ou o Museo Marea, situado no Centro Histórico de Ponto do Son, adicado a recoller, investigar e transmitir a memoria da xente do mar.

“Todo iso aderezado dunha gastronomía local, de quilómetro 0, que non deixará indiferente ao visitante. Ademais das diferentes vilas recoméndase a visita ao Porto do Freixo por diversos motivos: A súa ribeira é con frecuencia un fervedoiro de xente que se levanta moi cedo para dedicarse á extracción do famoso berberecho desta ría, entre outros. Pero ademais de embarcacións de pesca e a lonxa, neste porto atoparás un bo número de restaurantes e mesóns onde degustar un produto obtido a tan só uns centenares de metros cos que a súa calidade inicial reafírmase coa súa indiscutible frescura”, engádese na proposta de viaxe pola comarca para esta Semana Santa.



