
O Concello de Outes compartiu o novo horario do Estaleiro de Ciprián (Espazo Museístico da Carpintaría de Ribeira e máis Oficina de Turismo) para a Semana Santa 2024. O Estaleiro terá as súas portas abertas a visitantes e residentes o xoves, o venres, o sábado e o domingo, en horario de 10 a 14 horas. Máis información e turismo@outes.gal.
Un estaleiro tradicional rehabilitado
O Espazo Museístico da Carpintaría de Ribeira de Outes, tamén coñecido como Estaleiro de Ciprián, é unha obra recente de Fuertes Penedo Arquitectos, estudio con centros de traballo na Coruña e Vigo. A entidade responsábel da intervención (inaugurada en febreiro de 2023) foi o Concello de Outes, que quixo pór en valor o espazo (para transformalo nun museo dedicado á carpintería de ribeira, que tamén opera como oficina de turismo municipal) e reivindicar a longa e rica tradición construtora de barcos da contorna litoral outense e da súa contorna. Foi distinguido na Bienal Española de Arquitectura na modalidade de rehabilitación. O xurado destacou o relevante obxectivo de recuperación histórica que acompaña ao proxecto e lle serve de alicerce: “Galicia contou con máis de cen estaleiros tradicionais ao longo da costa, pero na actualidade unicamente quedan dez en pé”. O encargo para a rehabilitación do estaleiro tradicional de Ciprián nace a finais do ano 2018, atopándose o inmóbel nun avanzado estado de ruína. Con este proxecto púxose en valor unha edificación senlleira do patrimonio marítimo do bordo litoral de Outes, erguida a finais do século XIX e construída en madeira, granito e tella aproveitando os recursos locais así como técnicas construtivas propias da carpintería de ribeira”.



