O alumnado do Obradoiro de Emprego Tahume IX, posto en marcha polos Concellos de Porto do Son e Ribeira con dúas especialidades (Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería e Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes), segue adiante estes días coa súa actividade práctica.

En concreto e no relativo ao territorio de Porto do Son, as alumnas e alumnos do módulo de vieiros e xardíns estiveron acondicionando as zonas verdes da Escola de Nebra, do CEIP Campanario, da EEI Queiruga e de Rato Lura; ao tempo que, o alumnado de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes realizaron o acondicionamento dos accesos da praia de Ornanda.

Este programa está dirixido a mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas e abordar de xeito efectivo as necesidades de emprego dos ditos municipios do Barbanza.

A maiores do devandito, os días pasados tamén levaron a cabo a limpeza e acondicionamento do parque periurbano de San Roque, en Ribeira,
Ademais, as e os participantes en Tahume IX participaron e colaboraron nas prácticas do alumnado do Certificado de Profesionalidade de Habilitación para a Docencia en grados A, B e C do Sistema de Formación Profesional.
O alumnado da novena edición de Tahume (20 persoas demandantes de emprego, 10 por cada un dos concellos organizadores) conta coa axuda dun director de obradoiro, dous mestres para ambas especialidades e un titor.



