
A Consellería de Medio Ambiente fixo este 6 de marzo un balance da actividade xerada polas empresas que operan no Parque Nacional das Illas Atlánticas, que, segundo concretou a conselleira Ángeles Váquez, contribuíron o ano pasado a “acadar datos de afluencia récord, con preto de 515.000 visitantes e incrementos en todos os arquipélagos”. No caso das Cíes, que rexistraron dúas terceiras partes do total, contabilizáronse máis de 343.000 visitas.
A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, salientou que “estes datos son froito do bo traballo desenvolvido polos responsábeis do parque en coordinación coas firmas presentes nel, unhas sinerxías que fan que se consolide como un destino de natureza de referencia”.
A responsábel autonómica, que participou na entrega da certificación de adhesión á Carta Europea de Turismo Sostíbel a 26 empresas que operan neste espazo, destacou que “este tipo de recoñecementos mostran o compromiso dos axentes vencellados co parque nacional cun turismo respectuoso co medio, de calidade e un exemplo a nivel internacional”.
Os 26 distintivos entregados este martes a outras tantas empresas (13 renovacións e 13 primeiros recoñecementos) son outorgados por Europarc tras un proceso de formación para avanzar no compromiso coa sostibilidade e co futuro do parque, que conta con esta mesma acreditación desde 2015.
As firmas adheridas á Carta Europea (entre as que se atopan algunhas de turismo náutico, cámpings, actividades de aventura, mergullo ou rutas guiadas) convértense desta maneira en embaixadoras do turismo sustentábel ao “satisfacer as necesidades de visitantes, empresas e poboacións locais sen danar o medio ambiente nunha perspectiva de presente pero tamén de futuro”, destacou a conselleira, que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, destacou que o parque nacional no seu conxunto ofrece “unha experiencia única nun espazo privilexiado do mundo”, sinónimo de calidade e de respecto á contorna, algo que cada vez reclaman máis as persoas que visitan Galicia e os seus espazos naturais.



