
O Concello de Outes, a través da Área de Cultura que dirixe Anxo Núñez, presentou este venres os detalles da nova edición, a edición XXVIII, dun máis prestixiosos (e lonxevos) concursos literarios de Galicia: o Certame de Poesía Francisco Añón do Concello de Outes. Na presentación participou o concelleiro Anxo Núñez Fernández acompañado do técnico local de Cultura, Santiago Nieto Romarís. O certame, que leva o nome do máis ilustre literato de Outes (Francisco Añón, autor do Rexurdimento e un dos precursores da lingua galega), encádrase nos obxectivos do Concello de “promover os valores creativo-literarios na nosa lingua”.
Segundo engadiron, o Certame de Poesía Francisco Añón de Outes pon o foco en incentivar a expresión literaria das persoas máis novas pero tamén daquelas adultas que aínda non tiveron a oportunidade de darse a coñecer”. Nieto comentou que se trata “dun certame único en Galicia, un certame moi consolidado dende os seus inicios en 1997, e proba disto é o feito de que nas diferentes edicións atopamos escritoras e escritores que hoxe en día xa son un referente da literatura galega contemporánea”.
A nova edición vén novamente con media ducia de categorías. Poderán participar nel todas as persoas que o desexen e que presenten os seus traballos en lingua galega. O prazo de presentación remata o 1 de abril. Repartiranse 2.760 euros en premios económicos ademais do premio que o Concello considera máis relevante: a publicación das obras gañadoras.
Establécense as seguintes categorías e premios por idades:

-Categoría A: Nenas e nenos de 6 a 7 anos.
1º Clasificado: vale de 150 euros en libros e publicación da obra galardoada.
Accésit: publicación da dobra.
-Categoría B: Nenas e nenos de 8 a 9 anos.
1º Clasificado: vale de 180 euros en libros e publicación da obra galardoada.
Accésit: publicación da obra.
-Categoría C: para nenas e nenos de entre 10 e 11 anos.
1º Clasificado: vale de 210 euros en libros e publicación da obra galardoada.
Accésit: publicación da obra.
-Categoría D: para rapazas e rapaces de entre 12 e 14 anos.
1º Clasificado: vale de 240 euros en libros e publicación da obra galardoada.
Accésit: publicación da obra.
-Categoría E: mozas e mozos de 15 a 17 anos.
1º Clasificado: transferencia bancaria por valor de 480 euros e publicación da obra.
Accésit: publicación da obra.
-Categoría F: maiores de 18 anos.
1º Clasificado: transferencia bancaria por valor de 1.500 euros e publicación da obra gañadora.
Accésit: publicación da obra.



