
O Concello de Boiro acolleu este mércores 28 pola mañá unha carreira de orientación para o alumnado de Secundaria dos institutos da contorna no marco do programa Xogade. O concelleiro de Deportes, Marcos Fajardo, participou na entrega de premios da proba que se celebrou no parque da Cachada.
Participaron 200 escolares de centros de ensino da contorna, entre os que está o alumnado de segundo e terceiro curso do IES Praia Barraña. A proba consistiu nunha carreira de orientación na que cada participante contaba cun mapa do parque da Cachada e unhas indicacións dos distintos puntos que debían localizar e marcalas nun dispositivo electrónico no menor tempo posíbel.
Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar é unha iniciativa da Xunta de Galicia que ten como finalidade “levar a actividade, combinando o programa deportivo e competitivo cun programa lúdico e participativo”. Búscase a promoción da saúde, da condición física e do benestar.
O concelleiro de Deportes, Marcos Fajardo, agradeceu a participación dos distintos centros de ensino nesta actividade “que promove a práctica de deporte ao aire libre, así como unha ferramenta útil no ensino que extrapola o deporte á vida cotiá en algo tan básico como saber orientarse nun entorno descoñecido”.



