O Concello de Ribeira vén de adxudicar a pavimentación e instalación da liña de pluviais na travesía dos Pozos, en Corrubedo, cun importe de 31.890,51 € e un prazo de execución de 3 meses; e tamén a instalación da liña de pluviais en Outeiro, Artes, cun importe de 25.054,84 € e un prazo de execución de dous meses. Ambas obras están incluídas no Plan Provincial POS +2023 e POS +2021 respectivamente.

A travesía dos Pozos, na parroquia de Corrubedo, trátase dun camiño polo que transitan gran cantidade de veciños e visitantes; mais, segundo informa o Concello, “só presenta na actualidade firme de terra e dispón unicamente de rede de saneamento, polo que se proxecta a instalación dunha nova liña de pluviais e a pavimentación do camiño”.
Doutra banda, a estrada DP-7304 non dispón de rede de pluviais ao seu paso polo lugar de Outeiro, na parroquia de Artes; o que, en palabras do Goberno local, “fai que discorra moita auga superficial pola calzada en momentos de choiva, supoñendo un risco para a circulación”.
“A instalación axeitada da liña de augas pluviais é fundamental para previr as inundacións e os danos materiais que estas poidan ocasionar á veciñanza”, afirmou o alcalde Luis Pérez Barral,e engadindo que “seguiremos a traballar para facer chegar os servizos básicos necesarios a tódalas
parroquias”.



