
O Concello de Boiro está a tramitar a subvención para a mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) convoca para a anualidade do ano 2024-2025, coas que se pretende levar a cabo unha mellora dun camiño de acceso a parcelas agrícolas no lugar de Nine.
O alcalde, José Ramón Romero, deu a coñecer o proxecto durante unha visita ás obras que se están a executar con estes fondos no lugar de Cariño.
O importe destas actuacións, financiadas mediante as axudas da axencia do Plan de mellora de camiños rurais co-financiado mediante o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), ascenden a 76.862,55 euros e divídense en dous treitos: o primeiro tramo realizado é o que chega á igrexa e cemiterio do Castro e no que se executou a rede de pluviais e ampliouse a sección asfaltada dos 5 aos 7 metros. O segundo tramo é o que percorre o núcleo rural de Cariño dende o entronque coa DP-1107 ata cruzar o núcleo e que se atopa entre edificacións existentes estase a renovar o pavimento asfáltico que presentaba un grave estado de deterioro, mantendo a sección existente, que varía entre os 4,40 e 6 metros.
“Estas actuacións permítennos levar a cabo proxectos nos núcleos rurais das distintas parroquias, mellorando os servizos e seguridade nos tramos sobre os que se actúa e favorecendo á vertebración do territorio”, recoñeceu o alcalde.
O proxecto que se pretende executar en 2024 é a mellora do camiño rural no lugar de Nine, en Cespón, unha actuación que pretende a mellora do firme a recollida de pluviais. As actuacións que se prenden son a rehabilitación superficial mediante a aplicación dunha nova capa de rodaxe asfáltica e incorporar unha rede de recollida de pluviais que evite as escorrentías de augas da choiva.



