
Activistas de Ecoloxistas en Acción, xunto coa rede europea de organizacións mariñas Seas At Risk, veñen de esixir en Bruxelas a aprobación dun regulamento rigoroso sobre granulados plásticos transportados no mar (pélets). Para isto, reuníronse con europarlamentarios españois e portuguesa aos que lles lembraron que “é inevitábel a contaminación do medio mariño con este material, que non para nada inocuos”. Segundo fixo saber Ecoloxistas en Acción, “coñecemos de primeira man que os contedoras poden caer ao mar, e, de feito, sabemos que en 2022 perdéronse 661 contedores”.
Cecilia del Castillo (Ecoloxistas en Acción) indicou que, unha vez no mar, “os sacos rompen e a información que vén escrita neles non especifica o seu nivel de toxicidade, nin para a saúde humana nin para o medio ambiente”. A pesar da denuncia interposta por Ecoloxistas en Acción no xulgado de Noia contra a navieira propietaria do portacontedores, “descoñécese se as empresas responsábeis da vertedura poderán pagar os danos irremediábeis que ocasionaron ao ecosistema mariño e a súa biodiversidade das costas de Galicia”, sinalou, engadindo que “o goteo de microplásticos é constante ao longo de toda a cadea de subministración: van perdéndose durante os procesos de produción, de carga e descarga, almacenamento e transporte, por falta de procedementos e estruturas adecuadas para o seu confinamento; vanse derramando e acumulando nos ríos próximos para acabar no mar”.
Tamén lembrou que un informe técnico do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente estima que se poden estar vertendo ao mar unhas 5.710 toneladas de granulados, que equivale a 285.500 millóns de gránulos, ao ano en España.” En Tarragona a praia da Pineda é unha das principais zonas de acumulación debido á súa proximidade co maior centro petroquímico do sur de Europa, onde se concentran varias decenas de empresas do sector da fabricación e transformación de plásticos”, sinalaron.
Ana Freiría, de Ecoloxistas en Acción Galiza, manifestou: “Nas nosas limpezas de praias, as voluntarias recollían ao redor dun quilo de bólas nunha mañá. Imaxinade o custo e tempo necesario para limpar unha tonelada. E cada pélet conta”.
Agora, no Parlamento Europeo discútese a proposta de Regulamento da Comisión Europea sobre a prevención das perdas de granulados. Ecoloxistas en Acción espera que “o regulamento teña a máxima ambición e esixa polo menos que se inclúen medidas de prevención e responsabilidade para o transporte marítimo de pélets para evitar que sigan ocorrendo perdas desde buques”. Sinalan que “tamén é clave eliminar as exencións de todas as medidas de prevención, confinamento e auditorías a todas as empresas da industria do plástico, aínda que sexan pemes para acabar coa contaminación constante desde terra, facilmente evitábel”. Ademais, din, “é necesario asegurar que se instalen estruturas adecuadas para evitar perdas como recintos nas zonas de manexo de pélets e embalaxe de calidade para resistir impactos ou caídas, así como a identificación obrigatoria e clara do seu contido, especificando a toxicidade para a saúde humana e para o medio ambiente dos gránulos”.



